Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A COMPANHIA DE MÚSICA TEATRAL ACTÚA MAÑÁ VENRES ÁS 19.00 HORAS

O teatro para bebés chega a Santiago coa montaxe portuguesa "Andakibebé"

[27/12/2007] A Mostra de Teatro Infantil de Nadal, organizada polo Centro Dramático Galego, continúa mañá venres 28 no Salón Teatro de Compostela cunha función, ás 19:00 horas, do espectáculo Andakibebé, unha montaxe especialmente dirixida a bebés, que porá en escena a portuguesa Companhia de Música Teatral. Andakibebé foi creado a partir do CD-libro homónimo pensando nos máis cativos, especialmente bebés acompañados polas súas respectivas familias e nenos menores de nove anos.

A montaxe incentiva a participación do público e a interacción entre intérpretes, pais e nenos e convida a formar parte activamente das distintas escenas da montaxe, como viaxar no Comboio Tu-Tú, a danzar o tango Orango Tango, a ollar o Sol co xirasol... O espectáculo presenta situacións escénicas de gran colorido animadas por imaxes de vídeo. Ademais, seis músicos interpretan en vivo cancións orixinais e arranxos sobre rimas e cancións da cultura tradicional portuguesa concibidas fundamentalmente para o público infantil

Paulo Maria Rodrigues é o responsable da dirección artística deste espectáculo, que conta coa interpretación de Ana Paula Almeida, Isabel Gonçalves, Helena Rodrigues, Carlos Gomes, Jorge Leal e Paulo Maria Rodrigues (este último tamén ao piano).

As compañías galegas Galitoon e Sapristi serán as encargadas de pechar esta fin de semana a Mostra de Teatro Infantil coas pezas Golulá (sábado 29) e Ao son das cousas (domingo 30) respectivamente.

Todas as funcións dan comezo ás 19:00 horas. As localidades para asistir ás representacións xa poden adquirirse na web www.caixagalicia.es ou no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo de cada espectáculo a un prezo de 6 euros por entrada. Tamén existe un bono de seis entradas cun prezo total de 30 euros.