Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

MIGUEL MARTÍN RECOLLEU EN VIGO O PREMIO ESPECIAL DA MÚSICA "MAKETÓN ESTRELLA GALICIA"

A candena SER premia ao IGAEM pola Rede Galega de Música ao Vivo

[26/12/2007] O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) recibiu o Premio Especial da Música "Maketón Estrella Galicia" 2007 -que organiza Radio Vigo (Cadena Ser)- pola iniciativa e desenvolvemento da Rede Galega de Música ao Vivo, o circuíto de actuacións en directo a cargo de grupos galegos de todos os estilos en máis de 40 salas e locais de concertos. O xurado dos devanditos premios, integrado por xornalistas e profesionais de radio e prensa, acordou a súa decisión por unanimidade, ao considerar que "este primeiro ano da Rede dinamizou a escena musical galega, estruturado ao redor das salas de concertos e dos grupos musicais".

A Rede Galega de Música ao Vivo naceu en febreiro de 2007 como froito da colaboración entre o IGAEM e a asociación Clubtura. Durante o seu primeiro ano de funcionamento levantou unha grande expectación no sector, e levou a cabo máis de cincocentos concertos en toda Galiza. Esta cifra será revalidada neste 2008, para o que xa está pechado un calendario similar de actuacións a cargo de máis de 70 artistas, tanto os emerxentes como os máis consolidados.

Os Premios da Música Maketón Estrella Galicia celébranse dende hai 7 anos. Son os únicos institucionalizados no país e teñen como protagonistas aos artífices do intenso panorama musical da cidade de Vigo e a súa área metropolitana. Están integrados no proxecto global Maketon Estrella Galicia, que abrangue a emisión en radio do programa "Maketón", con máis de 18 anos en antena a través de 40 Principales Vigo FM (61.000 oíntes diarios), unha xira de concertos que se leva a cabo en Vigo e zona de influencia, a a edición de 2.000 copias promocionais e gratuítas dun CD recompilatorio; e o funcionamento da web www.maketon.com.

REFERENCIA PARA TODO O PAÍS

Hoxe en día xa consolidados, estes premios seguen a ser unha firme aposta por apoiar e potenciar a música actual que se fai no sur de Galiza; e constitúen unha referencia na promoción da música para todo o país. Coa súa adxudicación, quérese valorar ademais o labor de profesionais e amateurs do sector musical local, polo seu bo facer no desenvolvemento dos proxectos musicais que se levan a cabo ao longo de todo un ano.

O premio do IGAEM foi entregado ao xerente do organismo da Consellería de Cultura e Deporte, Miguel Martín Fernández, por Salvador García Cal, responsable do proxecto Maketon Estrella Galicia e director de Programas e Emisións das emisoras integradas en Radio Vigo-Grupo de Comunicación, nun dun acto que se celebrou o pasado día 23 de decembro en La Fábrica de Chocolate Club de Vigo. No mesmo acto foron comunicados os gañadores do resto de categorías dos premios, para as que existían até cinco nominacións en cada apartado. Así, o premio á Mellor Maketa foi para o grupo Soundshepard, o de Mellor Directo para Zona Zero, Mellor Produtor para El Puto Coke (de LicorKafé Producciones), e o de Mellor Disco para Greatest Hits, da banda Cornelius. O Premio á Traxectoria Musical foi para o grupo Berrogüetto.