[21/12/2007] O Salón Teatro de Santiago acolle esta fin de semana (sábado 22 ás 20.30 horas e domingo 23 ás 18.00 horas) a reposición do espectáculo Kamikaze, a cargo da compañía Pistacatro en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). Tras o éxito da súa estrea o pasado 14 de xuño neste mesmo espazo compostelán, os sete integrantes da compañía desenvolven unha proposta escénica para todos os públicos, na que conflúen teatro, música en directo e números de malabarismo, acrobacia e ilusionismo.
A homenaxe ao Sr. Kamikaze é o pretexto para que o espectáculo cobre vida por medio dos seus estraños camaradas, que se dan cita nunha ceremonia que repiten solemnemente cada ano para amosar o seu pesar, ao tempo que defenden un modo de vida artística tan arriscado como persoal. Un tipo gris e aburrido chega alí de xeito accidental. Quen era o morto para merecer tantos honores?, por que despois da morte celébrase tanto a vida?, será que a vida é tamén unha kamikaze?
Os protagonistas da obra son sete persoas que proveñen do circo, do teatro, do ilusionismo e da música e que, arredor do concepto kamikaze, no sentido romántico do termo (un salto ao baleiro, un camiño suicida, camiñar pola corda frouxa...), ensamblan as súas experiencias e coñecementos individuais nunha montaxe innovadora e multidisciplinar.
Hernán Gené (premio Max 2005 ao mellor espectáculo de teatro por Sobre Horacios e Curiacios) conta para a interpretación de Kamikaze con Antón Coucheiro, Borja Fernández, Manuel Lago, Alfonso Medina, Xabier Mera, Natalia Outeiro "Pajarito" e Pablo Reboleiro. Todos eles levan a cabo unha interpretación total, no sentido de que non só traballan como actores e actrices, xa que a súa intervención abrangue números de circo e tamén de música.
As entradas para asistir as representacións de Kamikaze poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén se poden adquiririr xa na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.
Tras estas dúas funcións da fin de semana, PistaCatro ofrecerá unha nova representación de Kamikaze o próximo mércores 26 de decembro, para inaugurar a Mostra de Teatro Infantil de Nadal, ciclo dentro do que se exhibirán, até o 30 de decembro, outros catro espectáculos doutras tantas compañías: Casi Romeo y Julieta, de A Priori Producciones; Andakibebé, de Cía Musical Teatral; Golulá, de Galitoon; e Ao son das cousas, de Sapristi.