[13/12/2007] O Auditorio Municipal Gustavo Freire acolle este luns día 17, ás 21.00 horas, o espectáculo Noite de Reis. Ou o que queirades, última produción do Centro Dramático Galego, dirixida por Quico Cadaval, que chega a Lugo como parte da programación do Outono Cultural que promoven distintas institucións e entidades luguesas (Concello, Campus Universitario, Deputación Provincial, Delegación da Consellería de Cultura e Deporte e Fundación Caixagalicia).
A montaxe, resultado da primeira incursión de Cadaval no repertorio shakespearano, combina un divertido xogo de enredos, contratempos, malentendidos, enganos e desenganos con apaixonantes historias de amor e desamor.
Compoñen o elenco Rebeca Montero, María Bouzas, Xosé M. Olveira, Marcos Orsi, Susana Dans, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, Borja Fernández, Simone Negrín e os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio
Rebeca Montero, María Bouzas, Xosé Manuel Olveira Pico e Marcos Orsi encabezan o elenco de 10 actores e actrices que completan Susana Dans, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, Borja Fernández, Simone Negrín, e no que tamén participan os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio. Prestan tamén a súa colaboración artística para a posta en escena Baltasar Patiño (escenografía e deseño de iluminación), Gilda Bonpresa (vestiario), Bernardo Martínez (espazo sonoro e dirección musical) e Dolores Centeno (maquillaxe).
As entradas, ao prezo de 5 e 2 euros (estudantes, parados e xubilados) poderanse adquirir na billeteira do Auditorio desde unha hora antes do inicio desta única representación que se levará a cabo na cidade das murallas.
UNHA COMEDIA SOBRE AS TOLEMIAS POR AMOR
Noite de Reis. Ou o que queirades é unha comedia mediterránea sobre o amor e as tolemias e baballadas que este nos leva a facer. A acción comeza cando Sebastián e Violeta, irmáns xemelgos, naufragan ante a costa de Ilíria. Violeta consegue chegar case sen vida á praia coa axuda de Festas -bufón da corte do duque Orsino. Ela cre que Sebastián morreu. Vestida de home e facéndose pasar por un paxe novo co nome de Cesario, pasa a servir na corte do duque Orsino que está "poética, apaixonada e desesperadamente namorado" da aflixida Lady Olivia, que o rexeita continuamente. Orsino utiliza a Cesario como confidente e como mensaxeiro para declararlle o seu amor a Olivia pero Cesario -Violeta, en realidade- comeza a namorarse de Orsino mentres que Olivia, pola súa parte, se namora do mensaxeiro, que é Cesario. Namentres, Malvolio, servidor de Olivia, perseguirá o amor da súa ama e, a causa dunha confusión amañada, crerase correspondido, producíndose unha serie de situacións hilarantes que o levaran case a entolecer. Ao mesmo tempo, Antonio, capitán de barco, conseguiu rescatar do mar a Sebastián. Ambos desembarcan en Ilíria. A presenza de Sebastián na cidade será o comezo do fin do enredo. Os malentendidos e cruzamentos de parellas avivados por Festas, enganando a André (burgués que tamén pretende a Olivia) e burlando a Malvolio resolveranse finalmente.
Noite de Reis foi unha das primeiras obras de Shakespeare, que se presume foi escrita entre 1599 e finais de 1601. Representouse ao comezo da Restauración mais non se imprimiu ata a súa inclusión no First Folio en 1623.