Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

INTERPRETARANSE OBRAS DE MOZART, GOUNOD E BEETHOVEN

A Orquestra da EAEM actúa en Ames e Santiago dirixida por Jordi Mora

[12/12/2007] A Orquestra de Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ofrecerá nos próximos días dous concertos públicos baixo a dirección do mestre catalán Jordi Mora, nos que interpretará obras de Mozart, Gounod e Beethoven. O primeiro dos recitais será o día 13 no Auditorio de Bertamiráns (Ames), en tanto que o segundo terá lugar o venres 14 no Auditorio da EAEM, en Santiago.

En ambas citas, que serán ás 20:30 horas, os alumnos executarán un programa que inclúe a Abertura O empresario (K486), de W.A. Mozart; a Petite Symphonie para instrumentos de vento, de C. Gounod; e a Sinfonía n.º 1 en do maior, op. 21 de L.V. Beethoven.

Os dous concertos, os primeiros do actual curso lectivo, son resultado do encontro didáctico mantido nos días anteriores -e por segundo ano consecutivo- co profesor Mora, como parte do programa formativo da Sección de Especialización da EAEM.

Jordi Mora Griso formouse en Barcelona, Alemaña (no Hochschule für Musik de Würzburg) como oboísta e foi bolseiro polo Estado de Baviera, onde se licenciou en Musicoloxía e Filosofía na Universidad de Munich cunha tese sobre a instrumentación na obra sinfónica de Beethoven. Estuda Dirección Orquestal e Fenomenoloxía da Música co célebre Sergiu Celibidache, e ten participado en numerosas clases maxistrais e cursos de dirección na Universidad de Mainz, en Munich coa Münchner Philharmoniker, Trier, Londres, Stuttgart e París. Foi director titular da Münchner Camerata, da Orquesta Sinfónica del Vallés e da Orquestra Nacional de Grecia. Como director convidado dirixiu en Alemania, España, Francia, Italia, Rusia, Rumania, Grecia, EE.UU. e Sudamérica. Actualmente é director titular de l´Orquestra Simfònica Segle XXI (Cataluña) e da Bruckner Akademie Orchester (Munich), orquestra coa que está a realizar a integral da obra sinfónica deste compositor.