Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TERÁ LUGAR O VENRES 30 DE NOVEMBRO, ÁS 21.00 H., NO TEATRO MUNICIPAL ÁREA PANORÁMICA

O CDG ofrece unha función de "Noite de Reis. Ou o que queirades" en Tui

[28/11/2007] O Teatro Municipal Área Panorámica de Tui acolle este venres día 30, ás 21.00 horas, o espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) Noite de Reis. Ou o que queirades, da man dun dos directores máis consagrados do panorama escénico galego, Quico Cadaval. As entradas, ao prezo de 5 €, 4 € (cos descontos habituais) e 3 € para os menores de 12 anos, poderanse adquirir na billeteira do teatro o mesmo día da función a partir das 16.30 horas

A montaxe, coa que a compañía pública iniciou o seu plan de produción propia para a actual temporada escénica 2007-2008, constitúe a primeira incursión de Cadaval no repertorio shakespearano, o que se plasma nun divertido xogo escénico de enredos, contratempos, malentendidos, enganos e desenganos con apaixonantes historias de amor e desamor.

Rebeca Montero, María Bouzas, Xosé Manuel Olveira Pico e Marcos Orsi encabezan o elenco de dez actores e actrices -Susana Dans, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, Borja Fernández, Simone Negrin- e no que participan, asemade, os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio. Prestan tamén a súa colaboración artística para a posta en escena Baltasar Patiño (escenografía e deseño de iluminación), Gilda Bonpresa (vestiario), Bernardo Martínez (espazo sonoro e dirección musical) e Dolores Centeno (maquillaxe). Como axudantes de dirección, exerceron Marta Lago e Rebeca Montero.

Tui, espazo CDG

A compañía pública inaugura con esta montaxe, e en colaboración coa Concellería de Cultura de Tui, o proxecto ‘Espazos CDG’, un servizo de creación e difusión dramática que nace como unha forma de distribución dos seus espectáculos baixo uns criterios de continuidade e accesibilidade para todos os espectadores do país. Preténdese garantir o coñecemento das propostas artísticas do CDG, así como converter a súa estadía en cada comarca nunha gran festa do teatro.

Ademais de Tui, son "Espazos CDG" Ourense, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Pontevedra, Ferrol, O Barco de Valdeorras, Narón, A Coruña e A Mariña (Burela e Ribadeo), localidades polas que, entre outras, discorrerá Noite de Reis. Ou o que queirades nunha xira que conta coa colaboración de Caixa Galicia.

Co obxectivo de apoiar e consolidar as programacións escénicas en todos estes lugares, o equipo do CDG realizou, conxuntamente coa compañía galega de novo circo Pistacatro, unha pequena función móbil que busca sorprender coa maxia das artes escénicas aos viandantes. Con aproximadamente vinte minutos de duración, demostrará que a escena é algo cercano, divertido e sorprendente, que forma parte da vida cotiá, desenvolvendo a súa acción naqueles espazos onde transcorre o pulso diario das vilas e das cidades, como son os mercados, as rúas, as estacións de tren e autobuses... Na localidade de Tui, este espectáculo desenvolverase mañá xoves ás 11.30 e as 12.30 horas entre o Paseo da Corredera e a Praza da Inmaculada.

Éxito de público

Noite de reis. Ou o que queirades chega a Tui precedida dun gran éxito de público nos escenarios das seis localidades onde se ten representado até o momento (Santiago de Compostela, Ourense, Carballo, O Barco de Valdeorras, Ferrol e Vilagarcía de Arousa), con cheos na práctica totalidade das funcións ofrecidas.

Trátase dunha comedia mediterránea sobre o amor e as tolemias e baballadas que este nos leva a facer. A acción comeza cando Sebastián e Violeta, irmáns xemelgos, naufragan ante a costa de Ilíria. Violeta consegue chegar case sen vida á praia. Ela cre que Sebastián morreu. Vestida de home e facéndose pasar por un paxe novo co nome de Cesario, pasa a servir na corte do duque Orsino que está "poética, apaixonada e desesperadamente namorado" da aflixida Lady Olivia, que o rexeita continuamente. Orsino utiliza a Cesario como confidente e como mensaxeiro para declararlle o seu amor a Olivia, pero Cesario -Violeta, en realidade- comeza a namorarse de Orsino mentres que Olivia, pola súa banda, se namora do mensaxeiro, que é Cesario. Namentres, Malvolio, servidor de Olivia, perseguirá o amor da súa ama e, a causa dunha confusión amañada, crerase correspondido, producíndose unha serie de situacións hilarantes que o levarán case a entolecer. Ao mesmo tempo, Antonio, capitán de barco, conseguíu rescatar do mar a Sebastián. Ambos desembarcan en Ilíria. A presenza de Sebastián na cidade será o comezo do fin do enredo.

Noite de Reis foi unha das primeiras obras de Shakespeare, que se presume foi escrita entre 1599 e finais de 1601. Representouse ao comezo da Restauración, mais non se imprimiu ata a súa inclusión no First Folio en 1623.