Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A MEIRANDE PARTE DA PROGRAMACIÓN CONCÉNTRASE NO MES DE DECEMBRO

Un total de 23 magos e 50 concellos participan no II Circuíto Galego da Maxia "Nadal Máxico 2007"

[26/11/2007] O Circuíto Galego da Maxia celebra este ano a súa segunda edición con 50 funcións noutros tantos concellos, desenvolvendo a meirande parte da súa actividade durante o mes de decembro. A Consellaría de Cultura, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e do IGAEM, colabora coa Asociación de Magos Profesionais de Galicia na organización deste programa, que conta cun total de 23 magos para a posta en escena dos diferentes espectáculos.

Cayetano LLedó

Trala positiva acollida da anterior edición deste primeiro monográfico dedicado á maxia en Galiza, este ano amplíase de 40 a 50 o número de concellos participantes no circuíto, que foi creado co obxectivo de promover este xénero escénico mediante o acceso do público dos diferentes municipios ao traballo que realizan os magos galegos, así como ás diferentes técnicas que abranguen as súas exhibicións: maxia de preto, unipersoal, escapismo, mentalismo, ilusionismo e artes afíns (ventriloquía, faquirismo...), entre outras.

Espectáculos diferentes

A Asociación de Magos Profesionais encárgase da produción dos diferentes espectáculos, cambiantes segundo as datas e as localidades, e dotados de recursos escénicos propios (luz, música, escenografía...) En cada un deles, cunha duración aproximada dunha hora e media, actúan consecutivamente entre catro e cinco magos.

Cyrille Sinclair, Dani García, Javier Muro, Mago Benxamín, Mago Cali, Kiko Pastur, Mago Marttyn, Mago Norberto, Mago Pablo, Mago Rafa, Mago Richard, Mago Teto, Mago Vituco, Mago Xacobe, Magomino Anyo, Martín Camiña, O Mago Antón, Pedro Volta, Román García, Mago Romarís, Cayetano Lledó, Luis García e Luis Manuel son os 23 profesionais que configuran o cartel xeral desta segunda edición.

O programa, inaugurado o pasado mes de outubro, ofrece un total de 50 funcións noutros tantos escenarios galegos, 22 na provincia da Coruña (A Coruña, Ames, As Pontes, Arzúa, Betanzos, Boiro, Brión, Carballo, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Negreira, O Pino, Porto do Son, Ribeira, Sada, San Sadurniño, Santiago de Compostela e Teo), 9 en Lugo (Burela, Castro de Rei, Chantada, Lugo, Monforte de Lemos, Sarria, Vilalba, Viveiro e Xove), 4 en Ourense (Allariz, Manzaneda, O Barco de Valdeorras e Ourense) e 15 en Pontevedra (Arbo, Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Mos, O Porriño, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa).

Orzamento

Cun orzamento global de 300.000 €, os concellos participantes –que foron seleccionado segundo a orde de entrada da súa solicitude no rexistro da Asociación de Magos Profesionais de Galicia– asumen o caché do espectáculo a partes iguais coa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e o IGAEM.

Esta asociación, que agrupa a 20 magos –a práctica totalidade dos que desenvolven a súa actividade en Galiza– foi fundada o ano pasado co obxectivo de obter un espazo propio dentro das artes escénicas galegas. Entre os seus fins destacan, asemade, o fomento do desenvolvemento cuantitativo e cualitativo da maxia profesional a través da colaboración con distintas administracións e entidades privadas, incentivar o uso da lingua galega neste ámbito, colaborar con outras asociacións e colectivos galegos relacionados con esta actividade, conseguir unha maior proxección pública, organizar actividades formativas, programar actividades lúdicas e didácticas específicas para o público infantil e xuvenil, e sentar as bases para a creación dunha escola de maxia.

Documentación