Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A OBRA DE WOODY ALLEN, DIRIXIDA POR XÚLIO LAGO, SERÁ REPRESENTADA O SÁBADO 24 DE NOVEMBRO, ÁS 20.30 HORAS, E O DOMINGO 25, ÁS 18.00 H.

Teatro do Atlántico ofrece dúas funcións de "A bombilla máxica" no Salón Teatro

[23/11/2007] Teatro do Atlántico representa esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela dúas funcións da obra A bombilla máxica, que terán lugar mañá sábado 24 ás 20:30 horas e o domingo 25 ás 18:00. Baixo a dirección de Xúlio Lago, a peza escrita por Woody Allen amosa, por medio do seu humor intelixente, os difíciles mundos da adolescencia, da vellez e das relacións de parella.

A bombilla máxica

A interpetación corre a cargo de Manu Fernández, Daniel Lago, María Barcala, Dami Contreras, Lucía Regueira e Gonzalo Uriarte, en tanto que a escenografía e o vestiario foron deseñados por Antonio F. Simón. Xúlio Lago fíxose cargo tamén do deseño do son e da iluminación mentres que Avelino González e Olga F. Nogueira son os responsables da adaptación da peza teatral.

As entradas para asistir as representacións de A bombilla máxica poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén poden adquirise na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

A familia Pollack

A montaxe amósanos a vida da familia Pollack (pai, nai e dous fillos adolescentes) que se atopa nunha etapa difícil, de absoluta infelicidade sentimental e nunha complicada situación de precariedade laboral. O marido, Max Pollack, con cincuenta anos, xogador compulsivo, está en plena "crise dos corenta" e non dá saído dela. Aterrado pola inevitable perda da súa xuventude aférrase desesperadamente á relación cunha nova amante que o fai sentirse aínda atractivo e desexable e coa que pensa en utópicos proxectos de futuro. Pero na realidade, o seu proxecto máis plausible está sempre asentado nunha va esperanza de gañar nas apostas do xogo.

A esposa, Enid Pollack, informada dos amoríos do seu marido, aguanta o "tirón" na esperanza de que o vento cambie, ao tempo que enfronta como pode a complicada relación cos seus adolescentes fillos, de catorce e dezasete anos. Steve, o menor, unha firme promesa de delincuente profesional, farto das súas obrigas escolares, sente unha forte atracción polas armas, por roubar, provocar incendios ou aprender trampas para futuras partidas de cartas. Paul, o fillo maior, tatexo e con 148 de coeficiente intelectual, é vítima dunha insuperable fobia social, intenta fuxir do seu terror refuxiándose no mundo da maxia, practicando obsesivamente un número tras outro e creando unha realidade paralela que lle faga soportable a súa existencia.

Completando o cadro, dous personaxes nos extremos: Jerry, home maduro, representante de "grandes" figuras do espectáculo, que levou toda unha vida esperando descubrir unha "estrela" que nunca deu chegado. E, finalmente, Betty, nova, fermosa, desexable, fráxil e inxenua, necesita desesperadamente fuxir do contorno sen horizonte no que vive, para o que puxo os seus ollos, o seu corazón e as súas esperanzas en Max Pollack.

Máis de 20 espectáculos

Fundada en 1985, Teatro do Atlántico leva producidos até o momento vinte e tres espectáculos a partir de textos dos máis importantes dramaturgos do teatro contemporáneo: Ibsen, García Lorca, Fassbinder, Heiner Müller, Ernesto Caballero, Manuel Lourenzo, Roberto Salgueiro ou Sanchis Sinisterra.

Aínda que ten a xeografía galega como marco fundamental da súa actividade, ten realizado xiras por practicamente todas as comunidades autónomas do Estado español e por diversas cidades de Portugal, Arxentina, Uruguai e Venezuela.

Participou tamén en diversos festivais nacionais e internacionais, presentando os seus espectáculos sempre en lingua galega. Na súa traxectoria figuran premios ao Mellor Espectáculo, Mellor Actor e Mellor Actriz Principal e Actor Secundario, Mellor Dirección ou Mellor Escenografía.

De todos os espectáculos que Teatro do Atlántico ten no seu haber, O encoro, de Conor McPherson, e A raíña da beleza de Leenane, de Martin McDonagh, son os máis recentes, así como o recital poético-musical "Memoria do 36", ao redor da Guerra Civil e a posguerra en Galiza nun percorrido pola obra dunha vintena de poetas.