Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CASTELA-A MANCHA, EUSCADI, MADRID, ASTURIAS, EXTREMADURA E PORTUGAL PROGRAMARÁN 79 FUNCIÓNS DE 11 ESPECTÁCULOS

Un total de 9 compañías galegas exhibirán os seus espectáculos fóra de Galiza a partir da Feira

[13/11/2007] Castela-A Mancha, Euscadi, Madrid, Asturias, Extremadura, Porto e Paredes de Coura programarán un total de 79 funcións de teatro galego a raíz dos contratos pechados a partir da Feira Galega das Artes Escénicas 2007 que, organizada pola Consellaría de Cultura a través do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais), se desenvolveu do 23 ao 27 de outubro en Santiago de Compostela. Títeres Trompicallo, Producións Acontrabutaca, Lagarta Lagarta, Sarabela Teatro, Nut Teatro, Pistacatro, Mago Antón, Monicreques de Kukas e Matarile Teatro son as 9 compañías contratadas por programadores de fóra de Galiza no marco do novo programa de bonificacións á distribución exterior que se puxo en marcha na Feira.

En concreto, Trompicallo pechou 21 funcións do seu espectáculo Bolboretaen diferentes escenarios da rede de teatros de Castela-A Mancha e 6 en Euscadi, mentres que Acontrabutaca protagonizará 18 pases de Robin Hood no Teatro Calderón de Madrid. Lagarta Lagarta ofrecerá unha representación de As últimas lúas no Teatro Moderno de Guadalaxara; Sarabela Teatro, outra de Margar no pazo do tempo no Auditorio Municipal de Lousada en Porto (Portugal) e Nut Teatro fará o propio con Corpos disidentes no FITEI (Festival Internacional de Teatro de Expresión Ibérica) de Porto.

Pola súa banda, PistaCatro, con Kamikaze; e Mago Antón terán cadansúa función en Paredes de Coura (Portugal); Monicreques de Kukas levará tres espectáculos (Sen título, Un agasallo para Xaquín e A doncela guerreira), cun total de 24 representacións a distintos puntos de Asturias, Castela-A Mancha e Extremadura; e Matarile Teatro fará cinco pases do seu Truenos y misterios no Centro Cultural de la Villa, en Madrid.

A esta cifra haberá que engadir as representacións concertadas cos programadores galegos asistentes, que se materializarán fundamentalmente na próxima programación dos máis de 40 espazos da Rede Galega de Teatros e Auditorios do 1 de xaneiro ao 15 de xuño de 2008.

BALANCE POSITIVO DA LIÑA DE PROMOCIÓN EXTERIOR

A posta en marcha polo IGAEM da nova liña de promoción exterior, mediante a que se bonifica a contratación de montaxes galegas, veu reforzar a concepción da Feira Galega das Artes Escénicas como mercado destinado á compravenda de espectáculos e deu como resultado un balance moi positivo para este primeiro ano de aplicación.

A Feira Galega das Artes Escénicas pechou as súas portas tras cinco días de funcións de teatro e danza, protagonizadas por 21 compañías galegas e 4 chegadas dende diferentes países lusófonos. Os espectadores de Santiago de Compostela refrendaron tamén activamente o evento coa súa elevada asistencia a todos os espectáculos programados.

Até Compostela desprazáronse tamén neses días un cento de programadores de teatros, auditorios, circuítos e festivais de diferentes puntos de Galiza e do resto do Estado (Andalucía, Cataluña, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade Valenciana, Euscadi e Madrid), así como do Norte de Portugal.