Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ÁNXELA BUGALLO INFORMOU DO ESFORZO ORZAMENTARIO, QUE DUPLICARÁ EN 2011 A CONTÍA ACTUAL

O Plan Galego das Artes Escénicas contará con 66 millóns de euros nos próximos catro anos

[12/11/2007] Por primeira vez as artes escénicas galegas contarán cunha estratexia global e con liñas concretas para gañar protagonismo social e chegar a máis público. A conselleira, Ánxela Bugallo, adiantou hoxe as cifras do compromiso da Administración co Plan Galego das Artes Escénicas: 66 millóns de euros entre o 2008 e o 2011. Para entón, os orzamentos dedicados á promoción das artes escénicas duplicarán os de hoxendía. A Consellaría de Cultura e Deporte está a ultimar co sector a redacción definitiva do Plan Galego das Artes Escénicas nun proceso no que participan máis de 60 representantes de todos os axentes implicados. O obxectivo é obter un marco eficiente e consensuado para as artes escénicas para os vindeiros anos, co obxecto de situalas no centro da vida cultural e social do país.

Ánxela Bugallo informou que para acadar esa cifra total de 66 millóns de euros, a Consellaría prevé un incremento continuo do orzamento dedicado ás artes escénicas entre o ano 2008 e o 2011, tempo no que estará vixente o Plan. Durante este período o orzamento experimentará un incremento medio anual do 22%.

O Plan Galego das Artes Escénicas constituirá un fito sen precedentes en Galiza, tanto polo seu procedento de xénese como polo alcance dos seus obxectivos. O proxecto fundaméntase na necesidade de que a política do Goberno galego no ámbito das artes escénicas sexa unha política integral. O Plan incluirá todos os departamentos das distintas consellarías con competencias en ámbitos relacionados co teatro e a danza en Galiza, para poder establecer deste xeito un marco estable de apoio á cultura que teña en conta as súas distintas dimensións: a social, a artística e a económica.

CINCO EIXOS DIRECTORES

A Consellaría presentou publicamente o primeiro borrador do Plan en xuño deste ano e iniciou un diálogo co sector para buscar o seu consenso. A Consellaría incorporou propostas dos axentes implicados e agora só restan por aprobar os prazos de execución e os mecanismos de avaliación.

As actuacións incluídas no Plan ordénanse sobre cinco eixos directores: a dimensión sociocultural, o fomento da creación, a promoción da industria escénica, a consolidación do mercado e a promoción exterior.

O orzamento do Plan Galego das Artes Escénicas, segundo os eixos de actuación, e sumando o total previsto entre 2008 e 2011 son: Dimensión sociocultural, 14.237.000 euros; Fomento da creación, 3.478.000 euros; Promoción da industria escénica, 10.996.000 euros; Consolidación do mercado, 23.052.000 euros; e Promoción exterior, 14.601.000 euros. A cantidade total resultante é de 66.364.000 euros.

Entre as medidas concretas figuran a ampliación da rede de espazos escénicos, mellorando as súas capacidades técnicas e fomentando a colaboración entre eles; así como a racionalización das infraestruturas e a consolidación das mostras e festivais actuais. Así mesmo, tamén se pretende impulsar a figura dos teatros asociados ao Centro Dramático Galego para acadar unha maior difusión das súas producións.

INTEGRAR O TEATRO NA SOCIEDADE

Un dos principais obxectivos é a creación dun público estable e asiduo aos espectáculos de teatro, danza e novo circo galegos. Ordenaranse as programacións segundo públicos (escolar, infantil, xuvenil e adulto) e incidirase entre a xente máis nova, cun programa cultural específico no eido escolar para habituar aos alumnos e alumnas ao teatro e á danza.

Tamén se facilitará o acceso aos espectáculos por parte de todas as persoas. A Consellaría fomentará a implantación de servizos de atención aos menores e ás persoas dependentes para que as persoas con cargas familiares poidan acudir aos espectáculos. Neste sentido de achegar as artes escénicas a toda a sociedade, tamén se establecerán proxectos pilotos de animación socio-cultural dirixidos a colectivos con risco de exclusión social.

En canto ao fomento da creatividade, o borrador do Plan presentado hoxe pola conselleira inclúe residencias formativas temporais para compañías privadas e para novos creadores e creadoras individuais. Tamén en canto á formación, contémplase a concesión de bolsas. Por outra banda, establécense apoios financeiros reforzados para as producións innovadoras.

Un punto novidoso de especial importancia é a creación de residencias estables. Neste caso, unha compañía ligaríase a un espazo escénico podendo traballar e representar nel os espectáculos de maneira que gañaría estabilidade. Asemade, esa compañía levaría a cabo nese mesmo espazo unha labor sociocultural impartindo cursos de formación e traballando con grupos de teatro amador da zona. Trátase de fomentar as redes culturais e integrar e consolidar as artes escénicas na vida cultural das nosas vilas e cidades.

REFORZAR AS EMPRESAS DO SECTOR

O Plan pretende consolidar as empresas culturais do sector e para iso contempla axudas á incorporación de melloras técnicas, en especial as novas tecnoloxías da información, e á formación dos recursos humanos. Así mesmo, estabecerase un sistema de bolsas de prácticas en empresas e unidades de produción para facilitar a transición entre o ensino e o mercado laboral; así como o fomento dun convenio colectivo no sector para fomentar o emprego de calidade e unha remuneración axeitada. Para garantir unha maior estabilidade das empresas, a Consellaría tamén está a avaliar a idoneidade de conceder axudas bianuais e trianuais.

Por último, promoverase a proxección das creacións galegas no exterior mediante o reforzo das axudas á distribución no exterior. Neste punto farase especial fincapé no mundo de fala portuguesa. A recente Feira Galega das Artes Escénicas xa se orienteou cara este mercado, no que as producións galegas poden entrar con máis facilidade.

Documentación