[07/11/2007] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle mañá xoves 8 de novembro ás 20.30 horas unha sesión de lecturas dramatizadas que, baixo o título Botóns de mostra, amosará diante do público parte do traballo realizado na primeira edición do curso de escrita teatral Pistas para unha dramaturxia da actualidade, que desenvolveu o Centro de Creación Dramática Contemporánea (CDC) do Centro Dramático Galego (CDG) na pasada temporada 2006-2007.
O director do curso, Cándido Pazó, é o responsable da dramaturxia e da dirección para a lectura escénica deste collage a partir de pezas dos textos escritos por alumnos participantes. Esa dramaturxia require, segundo o autor e director teatral, "cemento textual para que se poida transitar de fragmento en fragmento e para que cada fragmento informe sobre o texto ao que pertence".
Os textos e autores seleccionados para esta ocasión son "Visión nocturna", de Santiago Cortegoso; "Movidas", de Clara Gayo; "Todo está escrito" de Fusa Guillén; "Alzheimer", de Carlos Labraña; "Alma" de Ricardo Conde e "Dous océanos" de Octavio Mas. Un total de dez actores e actrices da compañía Talía Teatro encargaranse da interpretación destes Botóns de mostra sobre unha escenografía ideada por Carlos Alonso.
A finais de novembro dará comezo a segunda edición do curso Pistas para unha dramaturxia da actualidade, que unha vez máis terá como obxectivo facilitar o encontro entre os participantes con autores en activo, para o que na presente temporada se contará coa colaboración dos dramaturgos internacionais Patrick Lerch (Franza) e Jacinto Lucas Pires (Portugal), así como da autora madrileña Yolanda Pallín. Pazó asumirá de novo a dirección deste obradoiro permanente do CDC.
As entradas para asistir a Botóns de mostra poranse á venda ao prezo único de 3 euros no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.