[06/11/2007] O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras acolle esta semana a obra Noite de Reis. Ou o que queirades, da man dun dos directores máis consagrados do panorama escénico galego, Quico Cadaval, que se enfronta por primeira vez ao repertorio de Shakespeare. A montaxe, coa que o Centro Dramático Galego (CDG) iniciou o seu plan de produción propia para a actual temporada escénica 2007-2008, combina un divertido xogo de enredos, contratempos, malentendidos, enganos e desenganos con apaixonantes historias de amor e desamor.
Rebeca Montero, María Bouzas, Xosé Manuel Olveira Pico e Marcos Orsi encabezan o elenco de 10 actores e actrices -Susana Dans, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, Borja Fernández, Simone Negrín- e no que tamén participan os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio. Prestan tamén a súa colaboración artística para a posta en escena Baltasar Patiño (escenografía e deseño de iluminación), Gilda Bonpresa (vestiario), Bernardo Martínez (espazo sonoro e dirección musical) e Dolores Centeno (maquillaxe). Como axudante de dirección exerceron Marta Lago e Rebeca Montero.
O BARCO, ESPAZO CDG
A compañía pública inaugura con esta montaxe, e en colaboración co Teatro Lauro Olmo, o proxecto "Espazos CDG", un servizo de creación e difusión dramática que nace como unha forma de distribución dos seus espectáculos baixo uns criterios de continuidade e accesibilidade para todos os espectadores do país. Preténdese garantir o coñecemento das propostas artísticas do CDG, así como converter a súa estadía en cada comarca nunha gran festa do teatro.
Ademais do Barco de Valdeorras, son "Espazos CDG" Ourense, Tui, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Ferrol, Narón, A Coruña e A Mariña (Burela e Ribadeo), localidades polas que, entre outras, discorrerá Noite de Reis. Ou o que queirades nunha xira que conta coa colaboración de Caixa Galicia.
Co obxectivo de apoiar e consolidar as programacións escénicas en todos estes lugares, o equipo do CDG realizou, conxuntamente coa compañía galega de novo circo Pistacatro, unha pequena función móbil que busca sorprender coa maxia das artes escénicas aos viandantes. Con aproximadamente vinte minutos de duración, demostrará que a escena é algo cercano, divertido e sorprendente, que forma parte da vida cotiá, desenvolvendo a súa acción naqueles espazos onde transcorre o pulso diario das vilas e das cidades, como son os mercados, as rúas, as estacións de tren e autobuses... Na localidade do Barco este espectáculo desenvolverase o mércores 7 no IES Martaguisela (ás 10.10 h) e no IES Lauro Olmo (ás 12.10 h).
UNHA COMEDIA SOBRE AS TOLEMIAS POR AMOR
Noite de Reis foi unha das primeiras obras de Shakespeare, que se presume foi escrita entre 1599 e finais de 1601. Representouse ao comezo da Restauración mais non se imprimiu ata a súa inclusión no First Folio en 1623.
Trátase dunha comedia mediterránea sobre o amor e as tolemias e baballadas que este nos leva a facer. A acción comeza cando Sebastián e Violeta, irmáns xemelgos, naufragan ante a costa de Ilíria. Violeta consegue chegar case sen vida á praia. Ela cre que Sebastián morreu. Vestida de home e facéndose pasar por un paxe novo co nome de Cesario, pasa a servir na corte do duque Orsino que está "poética, apaixonada e desesperadamente namorado" da aflixida Lady Olivia, que o rexeita continuamente. Orsino utiliza a Cesario como confidente e como mensaxeiro para declararlle o seu amor a Olivia pero Cesario -Violeta, en realidade- comeza a namorarse de Orsino mentres que Olivia, pola súa parte, se namora do mensaxeiro, que é Cesario. Namentres, Malvolio, servidor de Olivia, perseguirá o amor da súa ama e, a causa dunha confusión amañada, crerase correspondido, producíndose unha serie de situacións hilarantes que o levaran case a entolecer. Ao mesmo tempo, Antonio, capitán de barco, conseguíu rescatar do mar a Sebastián. Ambos desembarcan en Ilíria. A presenza de Sebastián na cidade será o comezo do fin do enredo.
Noite de Reis. Ou o que queirades ofrecerá no Barco dúas funcións: unha concertada para institutos -que terá lugar o xoves 8 de novembro ás 12.00 horas-, e outra para o público xeral o venres día 9 ás 21.00 horas. As entradas, ao prezo de 5 e 3 euros (cos descontos habituais) poderanse adquirir na billeteira do Teatro Lauro Olmo unha hora antes do comezo da representación.