Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

UN TOTAL DE 12 ALUMNOS ESTUDAN A RELACIÓN ENTRE ESCRITURA ESCÉNICA E NOVAS TECNOLOXÍAS

Principia o curso "A escena aumentada: Galiza" a cargo de Kònic Thtr

[05/11/2007] Un total de 12 alumnos participan desde hoxe en Santiago no curso A escena aumentada: Galiza, un proxecto de investigación, desenvolvemento e innovación que abre a temporada do Centro de Creación Dramática Contemporánea (CDC) do Centro Dramático Galego (CDG). A iniciativa, que pretende estudar a relación da escritura escénica coas linguaxes audiovisuais, é unha experiencia interdisciplinar que intercala instalacións e performance, e busca a relación entre movemento, palabra, vídeo, son e datos dixitais xestionados en escena a tempo real. O CDC funda deste xeito unha liña de investigación e formación escénica inédita até o de agora en Galiza e vencellada ás novas tecnoloxías.

Baixo o subtítulo de "Dramaturxia, coreografía e linguaxes de comunicación audiovisual interactiva", o CDC quere animar e impulsar por unha banda, aos nosos creadores á utilización de novos medios e por outra, pretende introducir na investigación escénica aos tecnólogos. As sesións lectivas desenvólvense na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.

Este primeiro curso, que conta ademais coa colaboración do Centro Coreográfico Galego, Vicerreitoría de Extensión Cultural da Universidade de Santiago e da Consellaría de Innovación e Industria, terá unha continuidade regular, temporada tras temporada, co obxectivo de formar aos nosos creadores para unha óptima aplicación das novas tecnoloxías e para (xunto cos tecnólogos interesados nas artes escénicas) a creación de dispositivos específicos -tanto software como hardware- para as súas narrativas. Durante todo este primeiro ano desenvolveranse tres encontros cos alumnos participantes; o primeiro do 5 ao 16 de novembro; o segundo do 3 ao 8 marzo e o terceiro, do 10 ao 15 xuño. Os proxectos desenvolvidos ao longo do laboratorio presentaranse no mes de novembro de 2008.

PIONEIROS EN INSTALACIÓNS E PERFORMANCES INTERMEDIA

A coruñesa afincada en Barcelona Rosa Sánchez e o francés Alain Baumann dirixen o laboratorio; ambos os dous son os impulsores da liña conceptual, creativa e tecnolóxica de Kònic Thtr. Comezan a súa colaboración en 1990 baixo este nickname e desde entón contan cunha longa traxectoria profesional en relación coa investigación sobre as novas tecnoloxías. De feito, a prensa especializada recoñéceos como un colectivo pioneiro na presentación de instalacións e performances intermedia na escena internacional e como expertos na creación de proxectos artísticos que incorporan sistemas de tempo real: proxectos expositivos e escénicos que implican na súa realización ás tecnoloxías interactivas, as linguaxes audiovisuais e multimedia, a música, a performance ou a danza.

As formacións de Rosa Sánchez (artista multidisciplinar e multimedia, performer e coreógrafa) e de Alain Baumann (músico, artista multimedia e investigador de novos sistemas para producir son) fai posible o carácter multidisciplinar dos seus proxectos, que abranguen performances, instalacións plásticas e escenografía. A súa traxectoria vén avalada pola participación en numerosos festivais e eventos multimedia, en espazos tan prestixiosos como o Institute of Contemporary Arts (ICA) de Londres, o Centro Nacional de las Artes de México DF ou o Museo de Arte Contemporáneo de Barcelona (MACBA).