Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TROMPICALLO, ACONTRABUTACA, LAGARTA LAGARTA E SARABELA SON AS PRIMEIRAS COMPAÑÍAS CONTRATADAS DENTRO DO PROGRAMA DE BONIFICACIÓNS Á DISTRIBUCIÓN EXTERIOR DO IGAEM

Castela-A Mancha, Euskadi, Madrid e Porto programarán máis de 40 funcións de teatro galego a partir da Feira

[26/10/2007] Castela-A Mancha, Euskadi, Madrid e Porto programarán un total de 42 funcións de teatro galego a raíz dos contratos pechados até o momento no marco da Feira Galega das Artes Escénicas 2007 que, organizada pola Consellaría de Cultura a través do IGAEM, se desenvolve dende o pasado día 23 e até mañá sábado en cinco escenarios de Compostela: Sala Nasa, Salón Teatro, Teatro Galán, Teatro Principal e auditorio do IES Xelmírez I.

Segundo os datos rexistrados durante os tres primeiros días de Feira pola mesa de contratación instalada na Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Títeres Trompicallo, Produccións Acontrabutaca, Lagarta Lagarta e Sarabela Teatro son as primeiras compañías contratadas por programadores de fóra de Galiza no marco da liña de bonificacións á distribución exterior do IGAEM. Trompicallo xa ten pechadas 20 funcións do seu espectáculo Bolboreta en diferentes escenarios da rede de teatros de Castela-A Mancha e 2 en Euskadi, mentres que Acontrabutaca protagonizará 18 pases de Robin Hood no Teatro Calderón de Madrid, Lagarta Lagarta ofrecerá unha representación de As últimas lúas no Auditorio Municipal de Lousada en Porto (Portugal) e Sarabela Teatro, outra de Margar no pazo do tempo no Teatro Moderno de Guadalaxara.

Tendo en conta os contactos que están a establecer outras compañías galegas, a organización da Feira estima que o volume total de contratación exterior superará as 50 funcións. A esta cifra haberá que engadir, ademais, as representacións concertadas cos programadores galegos asistentes, que se materializarán fundamentalmente na programación 2008 da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Prazo até o 31 de outubro

A posta en marcha desta liña de promoción exterior, mediante a que se bonifica a contratación de montaxes galegas, vén reforzar a concepción da Feira Galega das Artes Escénicas como espazo destinado á compravenda de espectáculos. Os
programadores e outros representantes de teatros de fóra de Galiza son os beneficiarios deste programa de apoio, que poden solicitar até o vindeiro 31 de outubro, ao incorporar espectáculos galegos de teatro, danza e maxia -tanto os escenificados na Feira como os que se exhiben actualmente na Rede Galega de Teatros e Auditorios- ás programacións que desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 15 de xuño de 2008.

A Feira Galega das Artes Escénicas pechará as súas portas mañá pola noite tras cinco intensos días de funcións de teatro e danza, protagonizadas por 21 compañías galegas e 4 chegadas dende diferentes países lusófonos.

Até Compostela desprazáronse tamén un cento de programadores de teatros, auditorios, circuítos e festivais de diferentes puntos de Galiza e do resto do Estado (Andalucía, Cataluña, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade Valenciana, Euskadi e Madrid), así como do Norte de Portugal, que contan cunha serie de dotacións destinadas a favorecer a contratación de espectáculos: a zona de stands de empresas e asociacións escénicas (Asociación de Magos Galegos, Culturactiva, Eme2 Producións, Escena Galega, Experimenta Danza, La Imagina Machina, Nut Teatro, Os Monicreques de Kukas, PistaCatro Produtora de Soños, Sarabela Teatro, Teatro Galileo, Teatro de Ningures e o expositor co que o Ministerio de Cultura Portugués promove as compañías do norte do país veciño), a área de encontro profesional e a mesa de contratación, que permanecerán abertas até mañá, en horario de 9.30 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas, na Fundación Gonzalo Torrente Ballester.