Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A EXPOSICIÓN 'UN PAÍS DENDE AS TÁBOAS. 125 ANOS DE TEATRO GALEGO' PERMANECERÁ NA FUNDACIÓN GONZALO TORRENTE BALLESTER ATÉ O VINDEIRO 11 DE NOVEMBRO

Títeres Cachirulo, Disque Danza, Fulano, Mengano e Citano, e Raiz di Polon clausuran mañá a Feira Galega das Artes Escénicas 2007

[26/10/2007] A décimo quinta edición da Feira Galega das Artes Escénicas, que se celebra en Compostela dende o pasado día 23, chegará mañá ao seu remate cun cartel integrado por un espectáculo de monicreques, outro de teatro de actor e dous de danza. As propostas das compañías galegas Títeres Cachirulo, Disque Danza e Fulano, Mengano e Citano e da caboverdiana Raiz di Polon pecharán este encontro organizado pola Consellaría de Cultura a través do IGAEM, no que participan un total de 25 grupos e un cento de programadores e axentes culturais chegados de toda a Península.

Os espectadores non acreditados poden acceder á exhibición de espectáculos, sempre en función das localidades finalmente dispoñíbeis en cada unha das representacións. As entradas poden adquirirse nos despachos de billetes dos respectivos espazos, dende unha hora antes do inicio de cada montaxe, a un prezo único de 5 €.

Mañá tamén pechará as súas portas a zona de mercado da Feira -integrada por 13 stands de empresas e asociacións escénicas, a área de encontro profesional e a mesa de contratación, entre outras dotacións destinadas a favorecer a compravenda de espectáculos-, así como o Seminario Internacional de Formación en Crítica Teatral e o programa de presentación profesionais, no marco do que nesta última xornada, a partir das 10:15 horas, intervirán Pablo Nojes e Paprika, Galitoon Productions, Skené Teatro, Bacana Teatro, Máscara Producións e Migallas Teatro.

Porén, a exposición Un país dende as táboas. 125 anos de teatro galego continuará aberta na Fundación Gonzalo Torrente Ballester até o vindeiro 11 de novembro. Esta mostra, que conmemora a primeira representación dunha obra teatral en galego -A fonte do xuramento, de Francisco de la Iglesia, estreada en 1882 no Liceo Brigantino da Coruña- está composta por seis micro-espazos que percorren os grandes períodos da escena galega a través de paneis explicativos e testemuños
audiovisuais de gran valor histórico que, rescatados dos arquivos ou cedidos polos propios protagonistas, nalgúns casos ven a luz por primeira vez. A exposición exhíbese en Compostela despois de visitar Ribadavia, A Coruña, Cee, O Carballiño, Vigo, O Barco de Valdeorras e Carballo. Trala súa estadía na Fundación Gonzalo Torrente Ballester, viaxará a Lugo (Sala de Exposicións Uxío Novoneyra, do 13 ao 25 de novembro), Pontevedra (Pazo da Cultura, do 27 de novembro ao 9 de decembro) e Narón (Auditorio Municipal, do 11 ao 23 de decembro).

DERRADEIRO CARTEL

Títeres Cachirulo abre esta derradeira xornada de funcións da Feira Galega das Artes Escénicas 2007, ás 12.00 horas no auditorio do IES Xelmírez I, con Do, re, mi, Mozart xoga aquí, un espectáculo de marionetas de fío talladas en madeira que, sobre un retablo barroco, desenvolven a historia dun pequeno Mozart convidado a dar un concerto no palacio do emperador. Jorge Rey é o autor e director desta obra pensada para nenos e nenas a partir dos catro anos, ademais de manipular os monecos xunto a Carmen Domech.

O infantil é, asemade, o público preferente da montaxe Menú vexetal (dáme verde) que Disque Danza representará no Teatro Galán a partir das 18.00 horas. Carmela Bueno, Olivia Maté, Paula Cobián e Olga Cameselle son as bailarinas nesta produción dirixida por Alfredo Rodríguez e Carmela Bueno a partir dun texto de Paula Carballeira, a través do que se descobre que a comida saudábel tamén pode ser saborosa e divertida.

Pola súa banda, a compañía Fulano, Mengano e Citano preséntase na Feira Galega das Artes Escénicas coa súa adaptación de Arte, obra de Yasmina Reza que dirixe Celso Parada. Manuel Álvarez, Xosé M. López Conde e Manuel Pombal protagonizan esta aceda comedia que parte da compra dun cadro en branco como se dunha valiosa peza de arte contemporánea se tratara. A función terá lugar no Teatro Principal ás 20.00 horas

Dende Cabo Verde chega a Compostela para pechar a Feira Raiz di Polon, compañía que comezou a súa traxectoria no ámbito da danza caboverdiana, para xirar hai dez anos cara a expresións máis contemporáneas. O Salón Teatro será o escenario, a partir das 23.00 horas, da exhibición das pezas Duas sem três, interpretada por Elisabete Fernandes e Rosy Timas con música de Mário Lúcio Sousa, e Don Quixote das ilhas, solo a cargo de Mano Preto.