Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

RECITAIS DE ENTRADA LIBRE, NA ESCOLA DE ALTOS ESTUDOS MUSICAIS

O auditorio da EAEM acollerá dous novos concertos dos seus alumnos

[02/06/2006] O Auditorio da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago de Compostela, será o escenario os vindeiros días 5 e 7 de xuño, ás 20.30 horas, de dous novos concertos de cámara protagonizados por alumnos deste centro para a especialización musical que xestiona a Consellería de Cultura e Deporte a través do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais). Ámbalas dúas citas son de entrada libre até completar o aforo.

Os estudantes están a ensaiar estes recitais no marco das súas clases de práctica de cámara xunto aos profesores Thomas Piel, Alexander Gold, Carlos Méndez, Ramón Llaster, Humberto Armas, Ildikó Oltai, Anne Schlossmacher e Grergorio Nedobora. Coa programación destes novos encontros co público compostelán, o centro entra na recta final do curso académico 2005-2006 dentro da que os alumnos prepararán tamén o concerto que a Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecerá o día 24 en Santiago baixo a dirección dos mestres Vicente Egea e Corrado Bolsi.

Programas

O concerto de cámara do vindeiro luns dará comezo co Cuarteto en Do M KV 157, de Mozart, que interpretarán os alumnos Antón Carballo e Rebeca Porto (violíns), Jennifer Gómez (viola) e Branca López (violonchelo). A continuación, Iria Armesto (violín) e Alejandra Díaz (violonchelo), xunto ao profesor Gold ao piano, ofrecerán o Trío Op. 99, de Schubert. Na segunda parte, os estudantes de contrabaixo Saúl Canosa, Marta García e Alberto Rodríguez ofrecerán o Trío para contrabaixos, de Boleslan, mentres que Víctor Vilariño e Manuel Otero (trompetas) acometerán xunto a Esteban Méndez e Basilio Camiña (trombóns) a Canzona a catro, de Gabrieli, Canzona, de Frescobaldi, Kleine Blasmusik, de Schwestick, e Suite for Brass Ensemble, de Howarth.

Canto ao recital do mércores 7, a primeira parte do programa inclúe o Divertimento en Fa M KV. 198, de Mozart, a cargo de Rebeca Maseda e Iria Saavedra (violíns), Daniel Rivas (viola) e Regina Fuentes (violonchelo); o Quinteto Fandango en Re M G. 448, de Boccherini, por Ernesto Riobó e Diana Medal (violíns), Iago Piñeiro (viola), Carme Tubío (violonchelo) e Fernando Pérez (guitarra); e o Cuarteto en Re M KV 155, de Mozart, por Miguel Álvarez e María Rosa Pampillo (violíns), Iago Piñeiro (viola) e Paula Rancaño (violonchelo). Na segunda parte, soarán a Sonata para dous violín de Prokofiev, interpretada por Elisa Martínez e Ernesto Riobó, e o Cuarteto americano Op. 96, de Dvorak, por Rebeca Maseda, Ernesto Riobó, Daniel Rivas e Regina Fuentes.