Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O PROGRAMA DE MAÑÁ, PENÚLTIMA XORNADA DO EVENTO, TAMÉN INCLÚE AS PROPOSTAS DAS COMPAÑÍAS GALEGAS TANXARINA TÍTERES, TEATRO GALILEO E TEATRO DO NOROESTE

Circolando-Graça Ochoa, Pistacatro e Nut Teatro achegan as últimas tendencias teatrais á Feira Galega das Artes Escénicas

[25/10/2007] As últimas tendencias e linguaxes teatrais terán mañá unha destacada presenza no cartel da Feira Galega das Artes Escénicas 2007 coa exhibición dos espectáculos A galinha da minha vizinha dos portugueses Circolando e Graça Ochoa, Kamikaze de Pistacatro Produtora de Soños e Corpos disidentes de Nut Teatro. O programa desta penúltima xornada do evento que organiza o IGAEM presenta, así mesmo, Sombreiros sen chapeu de Tanxarina Títeres, Rosso profondo in punto di morte de Teatro Galileo e Romeo e Xulieta de Teatro do Noroeste.

Ao tempo, na sede da Feira instalada na Fundación Gonzalo Torrente Ballester de Compostela continúan as exposicións de proxectos e espectáculos a cargo de diferentes empresas escénicas: entre as 09:45 e as 10:45 horas intervirán Caramuxo Teatro, Artello Teatro, Berrobambán e Talía Teatro, mentres que entre as 16:15 e as 17:30 o farán A Factoría Teatro, Estibón e Teatro do Noroeste.

Estas presentacións profesionais insírense dentro do programa de actividades paralelas, no marco do que se celebra igualmente o Seminario Internacional de Formación en Crítica Teatral no que está a participar unha ducia de críticos chegados de diferentes países (Bélxica, Bulgaria, Canadá, Eslovaquia, Hungría, Portugal, República Checa, Romanía e Suecia) e a exposición Un país dende as táboas. 125 anos de teatro galego, que permanecerá na Fundación Torrente Ballester até o 11 de novembro ofrecendo un achegamento histórico á nosa escena a través de diferente material documental, nalgúns casos inédito.

Canto á exhibición de espectáculos, mañá a Feira Galega das Artes Escénicas ofrecerá de novo unha intensa xornada que dará comezo ás 11.00 horas no auditorio do IES Xelmírez I con Tanxarina Títeres e Sombreiros sen chapeu, unha montaxe músico-visual construída a partir de sombras e pequenas historias con múltiples protagonistas. Pensada para un público infantil a partir dos tres anos, a obra está dirixida por Eduardo R. Cunha "Tatán" e Miguel Borines, que xunto con Andrés Giráldez son tamén os encargados de dar vida aos monicreques.

Teatro portugués

Dende Porto chega á Feira a actriz Graça Ochoa con A galinha da minha vizinha, un solo de clown producido pola compañía Circolando, referente internacional da escena portuguesa. As divertidas invencións das que bota man unha muller pallaso para enfrontar a súa soidade son o eixo deste espectáculo que subirá ao escenario do Xelmírez I a partir das 12.30 horas.

Teatro Galileo presenta tamén unha montaxe cun único actor, Fernando Morán, quen protagoniza a obra de Luigi Lunari Rosso profondo in punto di morte, baixo dirección de Pedro Rubín. Morán interpreta ao presidente dun país que, logo de serlle diagnosticada unha doenza mortal, decide facer realidade todas as súas ilusións. Este monólogo dará comezo ás 18.00 horas no Teatro Galán.

O Teatro Principal acollerá a partir das 20.00 a versión de Romeo e Xulieta producida por Teatro do Noroeste. Eduardo Alonso é o director e responsable desta actualización do clásico de Shakespeare, para a que conta cun amplo elenco no que Luma Gómez está acompañada por dez novos actores galegos (Aitor Rei, Jacobo Bugarín Osorio, Fernando González, Victoria Pérez Varela, Fernando Tato, Christian Escuredo, Omar Rabuñal, Antela Cid, Sara Casasnovas e Alejandro Carro).

Novo circo

O novo circo incorpórase á Feira con Kamikaze, que Pistacatro Produtora de Soños porá en escena no Salón Teatro ás 23.00 horas. Hernán Gené dirixe este espectáculo que ten como punto de partida a cerimonia coa que os estraños camaradas do Sr. Kamikaze conmemoran o seu cabodano. Borja Fernández, Pablo Reboleiro, Alfonso Medina, Manuel Lago, Natalia Outeiro, Antón Coucheiro e Xabier García conforman o elenco da que é a ópera prima de Pistacatro como compañía.

Nut Teatro pechará a xornada de mañá, ás 01.00 horas da madrugada na Sala Nasa, con Corpos disidentes, un espectáculo dirixido por Carlos Neira no que se mesturan diferentes linguaxes artísticas, como a performance, o teatro, a danza e o audiovisual. Arantza Villar, Nerea Barros, Iria Sobrado e Xiana López poñen en escena esta peza que afonda nos límites do corpo humano.

Ademais do centenar de programadores e axentes culturais acreditados para esta décimo quinta edición da Feira Galega das Artes Escénicas, os espectadores non acreditados poden acceder á exhibición dos espectáculos, sempre en función das localidades dispoñibles. As entradas poden adquirirse a un prezo único de 5 € nos despachos de billetes dos cinco escenarios -Sala Nasa, Salón Teatro, Teatro Galán, Teatro Principal e auditorio do IES Xelmírez I-, que abren unha hora antes do inicio de cada representación.