Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESTUDO ELABORADO POLA EMPRESA CIDADANÍA AFONDA NO CONSUMO CULTURAL DESTE COLECTIVO COMO PÚBLICO POTENCIAL DE TEATRO

O IGAEM investiga os hábitos culturais das galegas da denominada xeración 'mileurista'

[24/10/2007] O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) e a empresa de investigación social Cidadanía realizaron un estudo centrado nos hábitos de consumo cultural en Galiza das mulleres que integran a denominada xeración ‘mileurista’ como público potencial de teatro, no que se definen os factores que inciden directamente na configuración das súas preferencias culturais. A investigación foi presentada hoxe no marco da Feira Galega das Artes Escénicas 2007.

Presentación na sede da Feira

O estudo desenvolveuse mediante un total de 13 entrevistas persoais a mulleres de entre 25 e 35 anos representativas de áreas urbanas e a celebración, complementariamente, de grupos de discusión tanto para avaliar aspectos da súa vida cotiá como para comentar a recepción sobre representacións teatrais concretas.

Se en outubro de 2006 o IGAEM difundía as conclusións dun traballo que definía por vez primeira en Galiza o perfil sociodemográfico do público de teatro como o dunha muller, de mediana idade, con alto nivel académico e activa profesionalmente; nesta nova entrega engádese a estes trazos a pertenza á chamada xeración ‘mileurista’, no sentido de centrar o obxecto de tipificación en mulleres dun poder adquisitivo menor debido a súa recente entrada no mercado laboral.

Barreira sicolóxica de 20 euros

O traballo define como factores que inciden directamente na configuración das preferencias culturais deste perfil o tempo de ocio dispoñible, xa que se acrecenta a dedicación a actividades culturais na medida en que este aumenta; o prezo do produto ou espectáculo, para o que se deduce unha barreira sicolóxica para decidir a
compra do produto nos 20 euros; a influenza da existencia dun grupo de amigos e/ou familiares que frecuenten espectáculos culturais, a promoción que acompaña aos produtos e servizos culturais e, por último, o grao de entretemento e diversión que proporcione o produto ou servizo consumido.
Revélase ademais até que punto condicionan os ingresos económicos a compra de produtos e servizos culturais. Así, o consumo de televisión, radio e música en formato dixital realízase de xeito diario; a lectura de libros ten unha frecuencia que oscila entre diaria e semanal; e a maioría das entrevistadas afirman ver películas en soporte dixital, cando menos unha vez á semana. Por contra, a participación en espectáculos de música popular ten unha frecuencia trimestral ou maior a este período e a asistencia a espectáculos de teatro, danza ou música clásica é excepcional ou inexistente.

Aínda que os factores que condicionan a asistencia a espectáculos teatrais son múltiples, establécese unha gradación na súa importancia relativa para as participantes. Deste xeito, en primeiro lugar sitúanse os factores obxectivos como o prezo, a accesibilidade física e a dispoñibilidade de tempo libre, que normalmente é ocupado en compartir con amigos e familiares outras actividades á marxe das culturais.

Ausencia de identidade de marca

Nun segundo lugar sitúanse os factores de promoción, xa que as entrevistadas descoñecen o nome das institucións e entidades responsables do deseño e organización da programación cultural, das compañías de teatro existentes, e mesmo dos circuítos de distribución. A escasa presenza nos medios de comunicación masivos e a ausencia de material publicitario nos lugares de encontro desta xeración son os motivos máis sinalados para xustificar este descoñecemento. Ademais, bótase en falla unha identidade de marca do teatro galego que permita recoñecer ao consumidor as temáticas e axentes teatrais involucrados.

Nun terceiro lugar sinálanse os factores subxectivos relacionados cos gustos e as preferencias. En liñas xerais, as participantes valoran moito o grao de empatía e proximidade do feito teatral e o seu carácter reflexivo, ao que contrapoñen a lixeireza e a tendencia ao espectáculo de producións televisivas e do cine americano. Porén, dada a escaseza de tempo de ocio e a necesidade de vías de entretemento máis básicas que permitan a evasión inmediata, unha parte importante das mesmas opta polo consumo dos produtos cun menor grao de reflexividade interno.

Cun número menor de mencións, as participantes apuntan a necesidade dunha maior formación dos cidadáns e a vertebración de redes teatrais nas comunidades de orixe para aumentar o interese global da poboación sobre o feito teatral en Galiza. O asentamento dos teatro amador e universitario, a aposta polo público infantil para estender o consumo á unidade familiar ou a organización de circuítos de exhibición orientados a espectadores específicos son elementos que espertarían, a xuízo das entrevistadas, un maior grao de interese no público.

O texto íntegro do estudo leva por título "Análise de hábitos e preferencias culturais dos públicos potenciais de teatro".

Documentación