[24/10/2007] A danza chegará mañá á Feira Galega das Artes Escénicas -que se desenvolve dende onte e até o vindeiro día 27 en cinco escenarios de Compostela- da man da compañía Pisando Ovos e do seu espectáculo coreográfico 30.000, que pechará a terceira xornada de funcións. Tres montaxes pensadas para público infantil e familiar -Bolboreta, de Títeres Trompicallo; O merlo branco, de Talía Teatro, e Robin Hood, de Producións Acontrabutaca- e os últimos espectáculos de Teatro do Atlántico (A bombilla máxica) e Teatro do Morcego (O burgués fidalgo) completan este cartel integramente galego.
Mañá continuarán, asemade, as presentacións profesionais na Fundación Gonzalo Torrente Ballester, sede do evento que organiza o IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) da Consellaría de Cultura e Deporte. Neste marco, o IGAEM presentará ás 10.00 horas o estudo O sector das artes escénicas de Galiza, unha investigación realizada en colaboración coa empresa Proxectos que afonda na situación actual da profesión dende diferentes perspectivas: espazos escénicos, mercado, tecido produtivo, demanda, análise laboral e tratamento nos medios de comunicación, entre outras.
Stands de empresas e asociacións
Tamén na sede da Feira continúa aberta ao público -en horario de 9.30 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas- a zona de mercado, con 13 stands de empresas e asociacións escénicas (Asociación de Magos Galegos, Culturactiva, Eme2 Producións, Escena Galega, Experimenta Danza, La Imagina Machina, Nut Teatro, Os Monicreques de Kukas, PistaCatro Produtora de Soños, Sarabela Teatro, Teatro Galileo, Teatro de Ningures e o expositor co que o Ministerio de Cultura Portugués promove as
compañías do norte do país veciño), unha área de encontro profesional e unha mesa de contratación, entre outras dotacións ao servizo do centenar de programadores de teatros, auditorios, circuítos e festivais de diferentes puntos de Galiza e do resto do Estado (Andalucía, Cataluña, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade Valenciana, Euskadi e Madrid), así como do Norte de Portugal.
O programa de exhibición previsto para mañá dará comezo ás 12.00 horas no Teatro Galán, onde Títeres Trompicallo escenificará Bolboreta, un espectáculo de monicreques de mesa, con música en directo e escenografía móbil, que xira arredor da relación paterno-filial para falar da superación dos medos, do respecto aos que son diferentes e da forza da amizade. Marián González e Luis González son os autores e parte do elenco -xunto a Nacho Sanz- desta obra dirixida por Santiago Montenegro e pensada para un público infantil a partir de 4 anos.
O merlo branco é o título da montaxe coa que Talía Teatro se presenta na décimo quinta edición da Feira Galega das Artes Escénicas, ás 16.30 horas de mañá no auditorio do IES Arcebispo Xelmírez I. Artur Trillo dirixe esta obra de Cándido Pazó que aborda o peso dos prexuízos a través da historia dun merliño branco nun mundo de merlos negros. Marta Ríos, Toño Casais, Rosi Barcala, David Creus, Dani Trillo, María Ordóñez e Diego Rey dan vida aos personaxes deste espectáculo, indicado para nenos e nenas de 6 a 10 anos.
Comedia de aventuras
O Teatro Principal acollerá a partir das 18.00 horas Robin Hood, a comedia de aventuras para público familiar que propón Producións Acontrabutaca, compañía de recente creación que actúa por vez primeira na Feira. Xosé Lueiro dirixe esta versión que da coñecida historia do ladrón dos ricos fixo no seu día o Wonderland Group. Nuria Sanz, Patricia Vázquez, Ana Puente, Fran Ameijeiras e Rocío González conforman o elenco deste espectáculo.
Xúlio Lago dirixe o espectáculo de Teatro do Atlántico A bombilla máxica, un texto de Woody Allen adaptado por Avelino González e Olga F. Nogueira que, a través da historia da familia Pollack e botando man dunha grande dose de humor, indaga no mundo da adolescencia e da vellez, das relacións de parella e da maxia. Manu Fernández, Daniel Lago, María Barcala, Dami Contreras, Lucía Regueira e Gonzalo Uriarte protagonizan esta obra, que será escenificada no Salón Teatro ás 20.00 horas.
Teatro do Morcego presentarase ás 23.00 horas no Teatro Principal con O burgués fidalgo, de Molière e con adaptación de Enrique Harguindey. Celso Parada dirixe un amplo interpretativo e musical -Santi Prego, Luísa Merelas, Maxo Barjas, Blanca Cendán, X. Carlos Mosquera "Mos", Xavier Estévez, Mundo Villalustre, Suso Alonso, Leticia Alfaya e Ánxeles Soliño- para poñer en escena unha visión contemporánea deste clásico e recuperar a partitura orixinal de Lully.
Por último, Pisando Ovos achega o primeiro espectáculo de danza que se poderá ver nesta décimo quinta edición da Feira: 30.000, unha peza producida co apoio do Centro Coreográfico Galego, que se inspira precisamente na reflexión realizada por Rut Balbís e David Loira -autores, directores e bailaríns nesta montaxe- tras obter a axuda económica para sacar adiante o seu proxecto.
Ademais dos programadores e demais axentes culturais asistentes á Feira Galega das Artes Escénicas, tamén os espectadores non acreditados poden acceder á exhibición de espectáculos, sempre en función das localidades finalmente dispoñibles en cada unha das representacións. As entradas teñen un prezo único de 5 € e os despachos de billetes abren unha hora antes do inicio de cada montaxe.