Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

WOMEX CELÉBRASE ALTERNATIVAMENTE EN DIVERSAS CIDADES E A VINDEIRA CITA SERÁ DO 24 AO 28 DE OUTUBRO EN SEVILLA

Galiza estará presente na principal feira internacional de músicas do mundo

[23/10/2007] A feira de Womex reúne as máis importantes empresas e profesionais do mundo das denominadas "músicas do mundo". Do 24 ao 28 de outubro citarase en Sevilla todo o sector das músicas tradicional, étnica, de raíz e folclórica. Por primeira vez, Galiza estará presente institucionalmente cun stand de seu.

A delegación galega estará formada por 12 empresas e encabezada polo IGAEM. O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, tamén asistirá á feira para reforzar a presenza galega e o venres manterá unha reunión de traballo coas empresas participantes para continuar a traballar na promoción internacional da música galega. A representación do noso país na feira contará cunha oferta musical propia e cun completo material promocional que inclúe folletos, cds, un audiovisual e un sitio web específico.

A presenza en Womex é especialmente importante para a industria musical galega porque no mercado internacional a música do noso país encaixa directamente coa denominación de músicas do mundo. E Womex é o maior evento profesional e comercial neste tipo de música. Na edición de 2006 asistiron 1.400 empresas de máis de 80 países e as actividades foron cubertas por 425 xornalistas acreditados.

12 empresas do sector

A Consellaría de Cultura e Deporte, a través do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), conseguiu que, por primeira vez, a música galega estea presente de forma institucional en Womex. Farao baixo a marca GALICIANTUNES, unha identidade musical para a proxección exterior da música galega, que xa se está a consolidar e que conta cunha exitosa páxina web con información sobre Galiza, a súa música e a posibilidade de descargas de cancións.

Dentro do stand do IGAEM asistirán unha ducia de empresas do sector audiovisual galego: A Fábrica de Chocolate, Abada, Berrogüetto Producións, Falcatruada, Lonxa Cultural, Nordesía, Ouvirmos, Deica Management, Iabadabadú Festicultores, Nalgures, Promociones sin Fronteras e Zouma Records.

The spirit of Finisterrae

Para garantir a difusión da música galega, o IGAEM elaborou diverso material promocional. Baixo o lema de "The spirit of Finisterrae", inclúe un libro con información sobre Galiza e a súa música e un CD con cancións seleccionadas polo propio sector a través das asociacións AGAPHONO e AGEM.

Unha novidade é que se proxectará un material audiovisual de promoción para amosar tamén en imaxes a riqueza musical que atesoura Galiza. Ademais de no stand de Womex tamén poderá visualizarse na propia páxina web de GALICIANTUNES.

A presenza galega na feira tamén inclúe a actuación do grupo Marful o venres día 26 para presentar o seu proxecto musical, que está a ter un grande impacto no panorama actual da música en Galiza.

A terceira feira sectorial

A de Womex é a terceira feira á que acode este ano o sector musical galego ao abeiro do IGAEM. Primeiro foi Midem en Cannes (Francia) e logo Popkomm en Berlín. Coa asistencia aos principais eventos internacionais do mercado profesional da música, a Consellaría busca dar a coñecer no exterior a riqueza musical do noso país e facilitar que empresas e grupos galegos poidan establecer contratos e colaboracións no mercado internacional. Este traballo incluíu a creación dunha imaxe de marca para a música galega, GALICIANTUNES, que xa se está a consolidar con iniciativas innovadoras.

Ligazóns