Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O TEATRO PRINCIPAL ACOLLE DÚAS FUNCIÓNS PARA INSTITUTOS (DÍAS 25 E 26) E DÚAS PARA PÚBLICO XERAL (DÍAS 27 E 28)

O CDG inicia en Ourense a xira de 'Noite de Reis. Ou o que queirades'

[23/10/2007] O Teatro Principal de Ourense acolle esta semana a obra Noite de Reis. Ou o que queirades, da man dun dos directores máis consagrados do panorama escénico galego, Quico Cadaval, que se enfronta por primeira vez ao repertorio de Shakespeare. A montaxe, coa que o Centro Dramático Galego (CDG) iniciou o seu plan de produción propia para a actual temporada escénica 2007-2008, combina un divertido xogo de enredos, contratempos, malentendidos, enganos e desenganos con apaixonantes historias de amor e desamor.

Rebeca Montero, María Bouzas, Xosé Manuel Olveira 'Pico' e Marcos Orsi encabezan o elenco de 10 actores e actrices -Susana Dans, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, Borja Fernández, Simone Negrín- e no que tamén participan os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio. Prestan tamén a súa colaboración artística para a posta en escena Baltasar Patiño (escenografía e deseño de iluminación), Gilda Bonpresa (vestiario), Bernardo Martínez (espazo sonoro e dirección musical) e Dolores Centeno (maquillaxe). Como axudante de dirección exerceron Marta Lago e Rebeca Montero.

OURENSE, PRIMEIRO ESPAZO CDG

A compañía pública inaugura en Ourense con esta montaxe, e en colaboración co Teatro Principal, o proxecto ‘Espazos CDG’, un servizo de creación e difusión dramática que nace como unha forma de distribución dos seus espectáculos baixo uns criterios de continuidade e accesibilidade para todos os espectadores do país. Preténdese garantir o coñecemento das propostas artísticas do CDG, así como converter a súa estadía en cada comarca nunha gran festa do teatro.

Ademais de Ourense, son "Espazos CDG" O Barco de Valdeorras, Tui, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Ferrol, Narón, A Coruña e A Mariña (Burela e Ribadeo), localidades polas que, entre outras, discorrerá Noite de Reis. Ou o que queirades nunha xira que conta coa colaboración de Caixa Galicia.

Co obxectivo de apoiar e consolidar as programacións escénicas en todos estes lugares, o equipo do CDG realizou, conxuntamente coa compañía galega de novo circo Pistacatro, unha pequena función móbil que busca sorprender coa maxia das artes escénicas aos viandantes. Con aproximadamente vinte minutos de duración, demostrará que a escena é algo cercano, divertido e sorprendente, que forma parte da vida cotiá, desenvolvendo a súa acción naqueles espazos onde transcorre o pulso diario das vilas e das cidades, como son os mercados, as rúas, as estacións de tren e autobuses... Na cidade de Ourense este espectáculo desenvolverase o mércores 24 no hall da Facultade de Dereito e Empresariais (ás 10.30 h) e no hall da Universidade Laboral (ás 12.10 h).

UNHA COMEDIA SOBRE AS TOLEMIAS POR AMOR

Noite de Reis foi unha das primeiras obras de Shakespeare, que se presume foi escrita entre 1599 e finais de 1601. Representouse ao comezo da Restauración mais non se imprimiu ata a súa inclusión no First Folio en 1623.

Trátase dunha comedia mediterránea sobre o amor e as tolemias e baballadas que este nos leva a facer. A acción comeza cando Sebastián e Violeta, irmáns xemelgos, naufragan ante a costa de Ilíria. Violeta consegue chegar case sen vida á praia. Ela cre que Sebastián morreu. Vestida de home e facéndose pasar por un paxe novo co nome de Cesario, pasa a servir na corte do duque Orsino que está "poética, apaixonada e desesperadamente namorado" da aflixida Lady Olivia, que o rexeita continuamente. Orsino utiliza a Cesario como confidente e como mensaxeiro para declararlle o seu amor a Olivia pero Cesario -Violeta, en realidade- comeza a namorarse de Orsino mentres que Olivia, pola súa parte, se namora do mensaxeiro, que é Cesario. Namentres, Malvolio, servidor de Olivia, perseguirá o amor da súa ama e, a causa dunha confusión amañada, crerase correspondido, producíndose unha serie de situacións hilarantes que o levaran case a entolecer. Ao mesmo tempo, Antonio, capitán de barco, conseguíu rescatar do mar a Sebastián. Ambos desembarcan en Ilíria. A presenza de Sebastián na cidade será o comezo do fin do enredo.

Noite de Reis. Ou o que queirades ofrecerá en Ourense un total de catro funcións: o xoves 25 e o venres 26 terán lugar ás 11.00 h as funcións para institutos e o sábado 27 e o domingo 28 ás 20.00 h as funcións para o público xeral. As entradas, ao prezo de 12 € (butaca e platea), 9 € (1º andar), 8 € (2º andar) e 6 € (paraíso) poderanse adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal de 11.00 a 13.30 horas e unha hora antes do comezo da fución.