Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

LAGARTA LAGARTA, SARABELA TEATRO E SILVANA ABREU TAMÉN ACTÚAN NA SEGUNDA XORNADA

O teatro infantil incorpórase mañá ao cartel da Feira da man das compañías Sapristi e Os Monicreques de Kukas

[23/10/2007] O teatro para público familiar e infantil incorpórase a partir de mañá ao cartel da Feira Galega das Artes Escénicas 2007 cos espectáculos de dúas compañías galegas: Ó son das cousas de Sapristi e Sen título 4x8x6 (técnica mixta sobre o escenario) de Os Monicreques de Kukas, que integran o cartel da segunda xornada de funcións xunto con As últimas lúas de Lagarta Lagarta, Margar no pazo do tempo de Sarabela Teatro e Micro-revolução de um ser gritante da brasileira Silvana Abreu. Un cento de programadores de teatros, auditorios, circuítos e festivais chegados dende diferentes puntos da Península participan dende hoxe nesta décimo quinta edición da Feira que se desenvolve até o vindeiro día 27 en cinco escenarios de Compostela: Sala Nasa, Salón Teatro, Teatro Galán, Teatro Principal e auditorios do IES Xelmírez I.

A Fundación Gonzalo Torrente Ballester é a sede da zona de mercado da Feira, ademais de acoller gran parte das actividades paralelas á exhibición de espectáculos, como a exposición Un país dende as táboas. 125 anos de teatro galego e o programa de presentacións profesionais de especial interese para o sector escénico. Neste marco, ás 10.00 horas de mañá o IGAEM e a empresa de investigación sociolóxica Cidadanía presentarán os resultados do estudo sobre os hábitos culturais do público feminino potencial da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

A continuación, terán lugar unha serie de breves presentacións a cargo de diferentes empresas escénicas que terán a oportunidade de explicar ante os asistentes as súas últimas propostas artísticas: Musicrearte (La cenicienta), Teatro Lope de Vigo (Ide todos ó inferno) e Os Sete Magníficos Máis Un (O gordo e o calvo van ao médico) intervirán entre as 10.45 e as 11.30 horas, mentres que Peter Punk (Peter Punk), Femme Fatale (Lerchas), The Pinga Teatro (Unha rosa no xardín), 40 Pasos (O ridículo desamor dun home máis ou menos normal) e A Internacional Teatro (Perón-Perón) o farán na sesión vespertina que dará comezo a partir das 16.15 horas.

A compañía compostelá Sapristi será a encargada de abrir a segunda xornada de funcións da Feira Galega das Artes Escénicas e Musicais 2007 con Ó son das cousas, un espectáculo de clown pensado para espectadores de 3 a 5 anos que escenificará no Teatro Galán mañá ás 12.00 horas. Nuria Sanz e Patricia Vázquez protagonizan esta montaxe creada e dirixida por José Campanari, co apoio de Fernando Reyes na dirección sonora, que bota man dunha combinación de estímulos sonoros e visuais para propoñer unha viaxe lúdica por situacións cotiás.

ACTORES E MONICREQUES

O auditorio do IES Arcebispo Xelmírez I acollerá a partir das 18.00 horas a última produción de Os Monicreques de Kukas: Sen título 4x8x6 (técnica mixta sobre o escenario), un espectáculo dirixido ao público familiar que conxuga actores e monicreques de gran formato para introducir o espectador no proceso de creación das obras de arte. Marcelino de Santiago "Kukas" é o autor desta peza, que dirixe xunto a Isabel Rey. Ambos os dous forman tamén parte do elenco actoral, que completan Helena Fernández, Alba Fernández e Alberte Viveiro.

Lagarta Lagarta chega á Feira con As últimas lúas, unha obra de Furio Bordon que dirixe Xúlio Lago. Ernesto Chao, Rosa Álvarez e Artur Trillo dan vida aos personaxes deste drama que afonda no lugar que ocupan os que forman parte da chamada terceira idade na sociedade contemporánea, facendo un sutil uso do humor e a tenrura. Esta función terá lugar ás 20.00 horas no Teatro Principal.

No extremo oposto, o humor é o elixir da eterna xuventude, o antídoto contra o medo e o desasosego en Margar no pazo do tempo, unha comedia "ateigada de fantasía" que o grupo ourensán Sarabela Teatro presentará a partir das 23.00 horas no Salón Teatro. Ánxeles Cuña é a autora e directora desta obra, interpretada por Fernando Dacosta, Tito R. Asorey, Sabela Gago, Elena Seijo, Fina Calleja, Josito Porto e Nate Borrajo.

PROPOSTA BRASILEIRA

A segunda xornada da Feira concluirá á 01.00 da madrugada na Sala Nasa coa posta en escena de Micro-revolução de um ser gritante, espectáculo unipersonal a cargo da artista brasileira Silvana Abreu. Libremente inspirado no texto A paixão segundo G.H. da autora Clarice Lispector, esta é, asemade, unha das catro montaxes procedentes de países lusófonos que serán exhibidas estes días en Compostela no marco da apertura da Feira Galega das Artes Escénicas cara á lusofonía. O obxectivo é que o evento se sitúe progresivamente como espazo de referencia a nivel estatal para a exhibición e compravenda de espectáculos de compañías da área lusófona, así como para o fomento da presenza da escena galega nos teatros e auditorios portugueses. Neste sentido, o Ministerio de Cultura do país veciño está presente en Compostela a través dun stand dende o que promove diferentes grupos do Norte de Portugal, ao tempo que se conta coa presenza dunha decena de programadores lusos.

A zona de mercado situada na Fundación Torrente Ballester permanecerá aberta, tanto para os programadores acreditados como para o público afeccionado ás artes escénicas, en horario de 09.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.30 horas. Os espectadores non acreditados tamén terán acceso á exhibición de espectáculos, sempre en función das localidades finalmente dispoñibles en cada unha das funcións. As entradas teñen un prezo único de 5 € e os despachos de billetes abren unha hora antes do inicio de cada representación.