Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ACTO INAUGURAL CELÉBRASE MAÑÁ ÁS 12:30 HORAS NA FUNDACIÓN GONZALO TORRENTE BALLESTER

Matarile Teatro inaugura o programa de exhibición da Feira Galega das Artes Escénicas con "Truenos & misterios"

[22/10/2007] A compañía compostelá Matarile Teatro, co seu espectáculo Truenos & misterios, será a encargada de abrir o programa de exhibición da Feira Galega das Artes Escénicas 2007, que se desenvolve dende mañá e até o vindeiro día 27 en cinco escenarios de Compostela –Sala Nasa, Salón Teatro, Teatro Galán, Teatro Principal e auditorio do IES Xelmírez I– coa participación de 25 compañías de teatro e danza, 21 galegas e 4 procedentes de diferentes países lusófonos. Nesta xornada inaugural, preséntanse igualmente as montaxes Medidas preventivas de Ancora Produccións, Emigrados de Teatro de Ningures e Cloun Creolus Dei do caboverdiano Grupo de Teatro do Centro Cultural Português-Instituto Camões Mindelo, ao tempo que se inaugura o programa de actividades paralelas que ten o seu centro neurálxico na sede da Feira, instalada na Fundación Gonzalo Torrente Ballester.

A Consellaría de Cultura e Deporte, a través do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais), organiza esta décimo quinta edición do evento, para o que está acreditado un cento de programadores de teatros, auditorios, circuítos e festivais de diferentes puntos de Galiza e do resto do Estado (Andalucía, Cataluña, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade Valenciana, Euskadi e Madrid), así como do Norte de Portugal, ao servizo dos que se pon unha serie de dotacións destinadas a favorecer a compravenda de espectáculos: unha zona con 13 stands de empresas escénicas (Asociación de Magos Galegos, Culturactiva, Eme2 Producións, Escena Galega, Experimenta Danza, La Imagina Machina, Nut Teatro, Os Monicreques de Kukas, PistaCatro Produtora de Soños, Sarabela Teatro, Teatro Galileo, Teatro de Ningures e o expositor co que o Ministerio de Cultura Portugués promoverá as compañías do norte do país veciño), unha área de encontro profesional e unha mesa de contratación que permanecerán abertas na Fundación Torrente Ballester en horario de 9.30 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas.

Nesta sede terá lugar mañá, ás 12.30 horas, o acto de inauguración da Feira, durante o que se darán a coñecer, asemade, os nomes dos gañadores dos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde, convocados anualmente polo IGAEM.

ACTIVIDADES PARALELAS

A partir de mañá e até o 11 de novembro, o segundo andar do edificio acollerá a exposición Un país dende as táboas. 125 anos de teatro galego, coa que se conmemora a primeira representación dunha obra teatral en galego: A fonte do xuramento, de Francisco de la Iglesia, estreada en 1882 no Liceo Brigantino da Coruña. Seis micro-espazos recollen os grandes períodos da escena galega a través de paneis explicativos e testemuños audiovisuais de gran valor histórico que, rescatados dos arquivos ou cedidos polos propios protagonistas, nalgúns casos ven a luz por primeira vez nesta mostra itinerante que recala agora en Compostela co gallo da celebración da Feira Galega das Artes Escénicas.

A Feira será, así mesmo, o marco para a celebración do Seminario Internacional de Formación en Critica Teatral que organiza a IATC (International Association of Theatre Critics) co patrocinio do IGAEM e a colaboración da ADE (Asociación de Directores de Escena de España) e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. O portugués Paulo Eduardo Carvalho, director asistente dos seminarios para novos críticos da IATC, e o crítico escocés Mark Brown impartirán este encontro, ao que asistirá unha ducia de alumnos chegados de diferentes países (Bélxica, Bulgaria, Canadá, Eslovaquia, Hungría, Portugal, República Checa, Romanía e Suecia). Estes novos críticos entrarán en contacto coa escena galega como parte do seu programa lectivo, que inclúe a asistencia ás montaxes que se exhibirán nas xornadas vespertinas da Feira e sobre as que traballarán nas sesións matinais que se desenvolverán no Salón Teatro en horario de 10.00 a 14.00 horas.

VENDA DE ENTRADAS

A exhibición de espectáculos tamén estará aberta ao público non acreditado, sempre en función das localidades finalmente dispoñibles para cada un dos espectáculos, a un prezo único de 5 € por entrada. O despacho de billetes comezará unha hora antes do inicio de cada representación.

Truenos & misterios é o título do primeiro espectáculo do cartel da Feira Galega das Artes Escénicas 2007, que a compañía Matarile Teatro escenificará ás 18.00 horas de mañá no Teatro Galán. Escrita e dirixida por Ana Vallés, esta produción presenta a cinco personaxes que son extraídos do seu contorno habitual para ser diseccinados dende o patio de butacas. Ana Vallés, Carlos Sarrió, Pedro Pérez-Bermúdez, Xan Cejudo e Mauricio González conforman o elenco desta produción, con escenografía e iluminación de Baltasar Patiño.

A continuación, Ancora Produccións presentará Medidas preventivas, ás 20.30 horas no Teatro Principal. Premio ao Mellor Libro de Teatro 2007 da Asociación de Escritores en Lingua Galega, esta obra de Gustavo Pernas Cora ofrece unha mirada irónica e crítica, con toques de humor negro, sobre as novas relacións e os comportamentos sociais, moitas veces dominados polo medo, a desconfianza e a submisión a cambio dunha suposta seguridade. Gustavo Pernas é, así mesmo, o director do espectáculo, que protagonizan Ánxela G. Abalo, Vicente de Souza e Xosé Bonome.

Teatro de Ningures chega a esta décimo quinta edición da Feira con Emigrados, unha historia construída a partir de pezas de Xosé Manuel Pazos, Suso de Toro, Anxos Sumai, Sonia Torre e Cándido Pazó arredor do drama social e individual da emigración. Casilda García, Sonia Rúa, Mónica Camaño, Santiago Cortegoso, Fran Paredes e Salvador del Río dan vida aos diferentes protagonistas deste mosaico, dirixido por Etelvino Vázquez, que se exhibirá no Salón Teatro ás 23.00 horas.

Dende Cabo Verde chegará a última proposta da xornada, Cloun Creolus Dei, unha comedia-coreografía teatral que o Grupo Cultural Português-Instituto Camões Mindelo representará na Sala Nasa a partir da unha da madrugada. Con dirección de Miguel Seabra e interpretación de Anselmo Fortes, Edson Fortes, Elisabete Gonçalves e João Branco, este espectáculo baséase na ironía, o humor e a tenrura propios do clown en contraposición á idea do pecado tal e como é concibida na cultura occidental. Esta será, ademais, a primeira das catro montaxes chegadas dende países da área lusófona –Portugal e Brasil, ademais de Cabo Verde– que serán exhibidas no seo da Feira, que este ano que establecer un primeiro chanzo cara ao seu progresivo posicionamento como espazo de referencia a nivel estatal para a exhibición e compravenda de espectáculos de compañías de países lusófonos, así como para o fomento da presenza da escena galega nos teatros e auditorios portugueses.