[17/10/2007] Un total de 25 espectáculos de teatro e danza a cargo de 21 compañías galegas e 4 procedentes de países lusófonos (Portugal, Brasil e Cabo Verde) configuran o cartel da Feira Galega das Artes Escénicas 2007 que, do 23 ao 27 de outubro, reunirá en Santiago de Compostela a un cento de programadores de teatros, auditorios, circuítos e festivais de toda a Península. Organizada pola Consellaría de Cultura a través do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais), unha das prioridades desta décimo quinta edición do evento é potenciar a súa condición de espazo de mercado especializado a través da habilitación na sede da Fundación Gonzalo Torrente Ballester dunha zona con 13 stands de empresas escénicas, unha área de encontro profesional e unha mesa de contratación, entre outras dotacións destinadas a favorecer a compravenda de espectáculos.
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou hoxe esta nova edición da Feira que, ademais da exhibición de espectáculos en cinco espazos composteláns (Sala Nasa, Salón Teatro, Teatro Galán, Teatro Principal e auditorio do IES Arcebispo Xelmírez I), acollerá un programa de actividades paralelas que inclúe unha trintena de presentacións profesionais e a exposición Un país dende as táboas. 125 anos de teatro galego na Fundación Torrente Ballester, e o Seminario Internacional de Formación en Crítica Teatral no Salón Teatro. Neste acto de presentación tamén participaron o concelleiro de Cultura de Santiago, Néstor Rego; e o xerente do IGAEM, Miguel Martín.
APROXIMACIÓN A PORTUGAL
Este ano a Feira Galega das Artes Escénicas establecerá, asemade, un primeiro chanzo cara ao seu progresivo posicionamento como espazo de referencia a nivel estatal para a exhibición e compravenda de espectáculos de compañías da área
lusófona, así como para o fomento da presenza da escena galega nos teatros e auditorios portugueses. Neste sentido, o Ministerio de Cultura do país veciño estará presente en Compostela a través dun stand que porá a disposición dos grupos do Norte de Portugal interesados en divulgar o seu traballo en Galiza, ao tempo que se contará coa presenza dunha decena de programadores lusos e se exhibirán as propostas de dúas compañías de Cabo Verde (o Grupo de Teatro do Centro Cultural Português-Instituto Camões Mindelo coa comedia Cloun Creolus Dei, e Raiz di Polon coas coreografías Duas sem três e Dom Quixote das ilhas), unha brasileira (Silvana Abreu, con Micro-revolução de Um Ser Gritante) e unha portuguesa (Circolando-Graça Ochoa, con A galinha da minha vizinha).
Estas catro montaxes sumaranse ás que presentarán as 21 compañías galegas seleccionadas para configurar un cartel no que hai lugar para o teatro de actor adulto e infantil, os monicreques, o novo circo e a danza. Entre as producións teatrais pensadas para público adulto, as obras de autoría galega (Ancora Producións presenta Medidas preventivas de Gustavo Pernas Cora; Matarile Teatro, Truenos & misterios de Ana Vallés; Sarabela Teatro, Margar no pazo do tempo de Ánxeles Cuña; e Teatro de Ningures, Emigrados con textos de X. M. Pazos, Suso de Toro, Anxos Sumai, Sonia Torre e Cándido Pazó) conviven con clásicos universais (Teatro do Noroeste con Romeo e Xulieta, de Shakespeare; e Teatro do Morcego con O burgués fidalgo, de Molière), textos contemporáneos internacionais (Fulano, Mengano e Citano con Arte, de Yasmina Reza; Lagarta Lagarta con As últimas lúas, de Furio Bordon; Teatro Galileo con Rosso profondo in punto di morte, de Luigi Lunari; e Teatro do Atlántico con A bombilla máxica, de Woody Allen) e creacións colectivas (Nut Teatro con Corpos disidentes).
Ademais, o novo circo estará representado na Feira da man de PistaCatro e a súa proposta Kamikaze e a danza coas pezas Menú vexetal. Dáme verde de Disque Danza e 30.000 de Pisando Ovos. Canto ao teatro dirixido ao público infantil e familiar, exhibiranse tres espectáculos galegos de actor (Robin Hood de Producións Acontrabutaca, Ó son das cousas de Sapristi, e O merlo branco de Talía Teatro) e catro de monicreques (Sen título 4x8x6. Técnica mixta sobre o escenario de Os Monicreques de Kukas; Sombreiros sen chapeu de Tanxarina Títeres; Do, Re, Mi, Mozart xoga aquí de Títeres Cachirulo; e Bolboreta de Títeres Trompicallo).
LIÑA DE PROMOCIÓN EXTERIOR
Estes espectáculos, así como o resto das nosas producións de teatro, danza e maxia en exhibición na Rede Galega das Artes Escénicas, son o obxecto da nova liña de promoción exterior a través da que o IGAEM bonificará a contratación de montaxes galegas a raíz dos contactos comerciais establecidos durante a Feira, que traslada as súas datas de celebración ao mes de outubro coa intención de contribuír á ordenación do ciclo galego de produción e distribución das empresas de teatro e danza. Os programadores e demais axentes culturais de fóra de Galiza poderán beneficiarse deste programa ao incorporar os devanditos espectáculos ás programacións que desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 15 de xuño de 2008.
Coincidindo coa conmemoración dos 125 anos do teatro galego, 125 serán tamén as funcións bonificadas polo IGAEM, que achegará até o 50 por cento do seu cachet. Este aniversario é igualmente o eixo da exposición Un país dende as táboas. 125 anos de teatro galego, que permanecerá na Fundación Torrente Ballester até o 11 de novembro, ofrecendo un percorrido pola historia da nosa escena a través de moi diferente material documental, nalgúns casos inédito.
COMUNICACIÓN DOS PREMIOS LITERARIOS DO IGAEM
No programa de actividades paralelas insírese tamén a comunicación pública dos gañadores dos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde, ademais da presentación de dous estudos promovidos polo IGAEM sobre os hábitos de consumo cultural do público potencial feminino da Rede Galega de Teatros e Auditorios e sobre a situación actual das artes escénicas en Galiza, e a celebración dun encontro internacional de formación en crítica teatral no que participarán 14 novos críticos de diferentes países europeos, que asistirán aos diferentes espectáculos da Feira como parte do seu programa lectivo.
Tanto o programa de espectáculos como o de actividades paralelas, no marco do que unhas 25 empresas escénicas tamén terán a oportunidade de facer unha breve exposición pública das súas últimas propostas artísticas, pode ser consultado na web www.feiradasartesescenicas.com.