Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

EN CORENTA SALAS DE TODA GALIZA

A Rede Galega de Música ao Vivo ofrece 274 concertos durante o derradeiro trimestre do ano

[13/10/2007] A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) programa durante este último trimestre do ano un total de 274 concertos a cargo de 65 grupos e solistas de diferentes estilos nun total de 40 salas de toda Galiza que forman parte deste circuíto promovido pola Consellaría de Cultura e Deporte a través do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) e a asociación Clubtura.

Con esta cifra, elévase a 834 o número total de actuacións programadas durante 2007 no seo da RGMV, que botou a andar o pasado mes de febreiro co obxectivo de consolidarse como un circuíto estábel de distribución musical que serva, ao tempo, de plataforma de promoción para os intérpretes e contribúa a optimizar a súa presenza en toda Galiza. A súa posta en marcha supuxo, asemade, a materialización dunha liña de actuación longamente demandada polos diferentes tipos de recintos que ofrecen música en directo para público reducido e á que poden acceder tanto as formacións emerxentes como outras máis consolidadas.

Por provincias, Pontevedra é a que acollerá un maior número de concertos entre outubro e decembro, con 122 actuacións en 15 localidades (A Illa de Arousa, A Ramallosa, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cangas, Marín, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra, Portonovo, Redondela, Salvaterra do Miño, San Vicente do Mar e Vigo), seguida da Coruña con 73 concertos en 7 localidades (A Coruña, Cariño, Compostela, A Laracha, Melide, Ordes e Serra de Outes), Lugo con 45 en Chantada, Lugo e Vilalba, e Ourense con 34 en A Rúa, Allariz, O Barco, Ourense e Xinzo de Limia.

Ao tempo que se pon en marcha este segundo período de actividade, as salas da RGMV están a configurar a programación correspondente a 2008, para a que o IGAEM recibiu un total de 486 preinscricións de grupos e solistas de todos os estilos musicais, que van dende o rock, pop e folk até a música electrónica, o jazz e a canción de autor, entre outros. Cada sala debe presentar un mínimo de 8 grupos na súa proposta de axenda, na que cando menos un 75% corresponde a formacións galegas. Así mesmo, para que un grupo ou solista sexa contratado necesita ter pechado un mínimo de 6 concertos anuais dentro da programación global.

Ligazóns