Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

UN TOTAL DE 21 COMPAÑÍAS GALEGAS E 4 PROCEDENTES DE PAÍSES LUSÓFONOS EXHIBEN OS SEUS ESPECTÁCULOS TEATRAIS E COREOGRÁFICOS EN COMPOSTELA DO 23 AO 27 DE OUTUBRO

A Feira Galega das Artes Escénicas 2007 potencia a súa función como espazo de mercado especializado

[09/10/2007] A Feira Galega das Artes Escénicas que organiza a Consellaría de Cultura a través do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) enfronta a súa décimo quinta edición, que se desenvolverá en Santiago de Compostela do 23 ao 27 de outubro, coa prioridade de potenciar a súa condición de espazo de mercado especializado e efectivo á hora de dar servizo ao centenar de programadores de teatros e auditorios, festivais e circuítos escénicos que teñen confirmada a súa asistencia, cara á incorporación de espectáculos galegos na súa oferta cultural para a vindeira temporada.

Neste sentido, e de xeito complementario ao habitual programa de exhibición no que este ano 21 compañías galegas e 4 procedentes de países lusófonos amosarán as súas propostas teatrais e coreográficas en cinco escenarios composteláns (Sala Nasa, Salón Teatro, Teatro Galán, Teatro Principal e auditorio do IES Arcebispo Xelmírez I), na sede instalada na Fundación Gonzalo Torrente Ballester habilitarase un espazo de mercado cunha quincena de stands de empresas escénicas, unha área de encontro e traballo para os profesionais, outra para os medios de comunicación e unha mesa de contratación, entre outras dotacións destinadas a favorecer a compravenda de espectáculos.

BONIFICACIÓNS Á CONTRATACIÓN

A este obxectivo responde igualmente a liña de promoción exterior mediante a que o IGAEM bonificará a contratación de montaxes galegas a raíz dos contactos comerciais establecidos durante a celebración do evento. Os programadores e outros representantes de teatros de fóra de Galiza beneficiaranse deste programa de apoio, que poderán solicitar do 22 ao 31 de outubro, ao incorporar espectáculos de teatro, danza e maxia producidos por calquera compañía galega en exhibición na Rede Galega de Teatros e Auditorios –representados ou non no seo da Feira– ás programacións que desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 15 de xuño de 2008.

Coincidindo coa conmemoración dos 125 anos do teatro galego, 125 serán tamén as funcións bonificadas polo IGAEM, que achegará o 50 por cento do cachet nas primeiras 30 representacións contratadas, o 40 por cento nas 40 seguintes e o 30 por cento nas 55 últimas, porcentaxes que se incrementarán até un 10% (cun límite do 55%) no caso de segundas funcións ou da contratación de producións coreográficas. Para facilitar o seu traballo, os profesionais acreditados disporán do Catálogo da produción escénica galega, no que se recolle información tanto das montaxes incluídas no cartel da Feira como doutras 10 compañías escénicas, ademais de estar convidados ás presentacións de espectáculos que terán lugar dentro do programa matinal de actividades paralelas que se celebrará na Fundación Torrente Ballester.

Coas novidades introducidas nesta edición da Feira Galega das Artes Escénicas, o IGAEM pretende marcar un punto de inflexión a partir do que contribuír á ordenación do ciclo de produción e distribución das empresas de teatro e danza de Galiza, finalidade á que responde tamén o traslado das súas datas de celebración á segunda quincena de outubro, así como a introdución de criterios obxectivos na selección de 14 das 25 compañías participantes no programa de exhibición: as oito compañías de teatro de actor, dúas de monicreques e dúas de danza con maior distribución na Rede Galega de Teatros e Auditorios durante o primeiro semestre do ano, e as dúas formacións de nova creación con maior puntuación na pasada convocatoria de axudas á actividade escénica. A selección do resto das compañías recaeu no director artístico da Feira, Rubén García.

Nesta reformulación de obxectivos ten cabida, así mesmo, outra serie de funcións complementarias que debe cumprir a Feira como elemento de promoción e difusión social das artes escénicas entre o conxunto da cidadanía e como punto de encontro e debate dos axentes e profesionais do sector. Con tal motivo, o programa de actividades paralelas contempla a presentación de dous estudos promovidos polo IGAEM sobre os hábitos de consumo cultural do público feminino da Rede Galega de Teatros e Auditorios e sobre a situación actual das artes escénicas en Galiza, a celebración dun encontro de formación en crítica teatral ao que asistirán 16 novos críticos de diferentes países europeos, e a exposición Un país dende as táboas. 125 anos de teatro galego, que permanecerá na Fundación Torrente Ballester até o 11 de novembro ofrecendo un achegamento histórico á nosa escena a través de moi diferente material documental, nalgúns casos inédito.

OLLADA CARA Á LUSOFONÍA

A presente edición propiciará, asemade, unha especial aproximación a outras culturas irmáns, como o son as dos países que se expresan en lingua portuguesa, establecendo un primeiro chanzo cara a un progresivo posicionamento da Feira Galega como un espazo de referencia a nivel estatal para a exhibición e compravenda de espectáculos de compañías portuguesas e doutros países da área lusófona. O Ministerio de Cultura portugués respondeu positivamente a esta iniciativa e estará presente en Compostela a través dun stand que porá a disposición das compañías do Norte de Portugal interesadas en divulgar o seu traballo en Galiza, ao tempo que se contará coa presenza de programadores chegados dende o país veciño e se exhibirán catro espectáculos en portugués a cargo de dúas compañías de Cabo Verde (Grupo de Teatro do Centro Cultural Português-Instituto Camões e Raiz di Polon), unha brasileira (Companhia Silvana Abreu) e unha portuguesa (Circolando-Graça Ochoa).

Estas propostas sumaranse ás que presentarán as 21 compañías galegas seleccionadas para configurar un programa que, durante cinco días consecutivos, converterá ao teatro maila danza nos protagonistas culturais na cidade de Compostela. Teatro de actor para público infantil e adulto, monicreques, novo circo e danza son os xéneros escénicos que conforman o cartel desta edición, que pode consultarse no apartado de programación desta web.