Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

INAUGÚRASE CON TRES TÍTULOS, GAÑADORES DO PREMIO LITERARIO HOMÓNIMO

O IGAEM e Baía Edicións lanzan a colección "Barriga Verde" de textos para teatro de monicreques

[02/10/2007] O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais e a empresa Baía Edicións veñen de lanzar en réxime de coedición a Colección Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques, que nace mediante a publicación dos seus tres primeiros números, aos que corresponden os títulos O soñador de Gabriel Castilla, Misterio en Guernica, de Xosé Manuel Fernández Castro, e O afundimento do Tiránic, de Breogán Riveiro.

Presentación da colección "Barriga Verde"

A iniciativa, pioneira e única en Galiza, coa que se tenta fornecer de textos específicos en idioma galego ao teatro de títeres, foi presentada este mediodía no marco do Festival Galicreques en Santiago de Compostela, nun acto compartido por Miguel Martín, xerente do IGAEM, Belén López, directora de Baía Edicións, os autores Xosé Manuel Fernández e Breogán Riveiro (na imaxe, de dereita a esquerda); e Jorge Rey, presidente da Asociación Cultural Barriga Verde, que colabora tamén no proxecto.

A colección Barriga Verde nace como resultado dos orixinais galardoados co premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques que o IGAEM vén convocando anualmente dende o ano 2003 nas modalidades de infantil e adultos, dotado con 4.000 euros en cada categoría. Neste 2007 asinouse un contrato de coedición con Baía Edicións para iniciar un proxecto editorial que dese cabida ás obras gañadoras deste premio e á vez publicar as galardoadas de anos anteriores, a razón dunha media de 3 entregas por ano.

Temática e estilos diversos

Iníciase deste xeito a colección coa edición da obra gañadora do premio en 2006, O afundimento do Tiránic, de Breogán Riveiro, na modalidade de infantil (a de adultos quedou deserta ese ano) e a recuperación de dúas de adultos dos anos 2003 e 2005 respectivamente: O Soñador, de Gabriel Castilla Raspa, e Misterio en Guernica, de Xosé Manuel Fernández Castro, que aínda que xa estaban fóra do prazo que o IGAEM tiña para facer uso do dereito de edición (segundo as bases do premio, dous anos dende a comunicación pública do ditame do xurado), os autores manifestaron o seu apoio á edición.

Os tres textos que abren a colección respostan a temáticas, estilos narrativos e destinatarios de franxas de idade diversas. Así, O soñador, do director artístico e dramaturgo arxentino Gabriel Castilla, defínese como "peza de teatro de sombras ou monicreques de luva ou figuras planas", e, na súa unidade, mostra doce historias marcadas pola ironía, en ocasións, e a poesía e a melancolía, noutras, que nos invitan, moi intelixentemente, a deixar que a nosa imaxinación, como un soño, camiñe no medio da escuridade como un personaxe máis. Evocadora, e toda unha imaxe do que podemos encontrar nesta peza dramática, é a capa da edici ón deseñada por José Tomás.

Pola súa banda, Misterio en Guernica é o libreto dun musical pop para bunrakus subtitulado por Fernández Castro "Epifanía entre vía crucis e tableau vivant". Picasso deu vida eterna a Guernica mais as figuras ficaron atrapadas; faltaba outorgarlles un pasado e concederlles o dereito á palabra. O mural será pano de remate dun espectáculo que canta á vida cando acompaña o éxodo duns refuxiados de guerra.

En O afundimento do Tiránic, Breogán Riveiro conta a historia dun barco tiranizado polo medo a un capitán déspota. Un heroe pobre e "boa xente" rematará coa súa tiranía, salvará aos pasaxeiros e namorará á heroína, como está mandado nas boas historias de sempre. Unha historia de "bos moi bos" e de "malos moi malos", de "parvos moi parvos" e de quenllas simpáticas que rematan por devorar aos malvados. Unha historia con humor que pretende aprenderlles aos nenos dúas cousas… ¿ou era só unha?.

Traxectoria dos autores

Gabriel "Guaira" Castilla, mestre titiriteiro arxentino, fillo do recordado compositor e poeta Manuel J. Castilla, é herdeiro dunha longa tradición latinoamericana caracterizada pola limpeza formal, a simplicidade de medios e por incidir na forza expresiva baseada no traballo xestual dos bonecos. É, como non podía ser doutra maneira, un viaxeiro infatigable, afán que o achegou a Galicia no mesmo ano que gañou o Galicreques 2003 con O bon demo, títeres de adultos, un espectáculo de luvas, dos que se pode dicir que foi o pioneiro. Cómpre destacar as súas colaboracións coa publicación electrónica sobre teatro de títeres, titerenet, onde podemos ver moitas das súas obras.

Xosé Manuel Fernández Castro (Compostela, 1963), é experto en Estudos Teatrais e doutorado en Filoloxía Galego-Portuguesa cunha tese sobre Roberto Vidal Bolaño. Participou na década inaugural da dobraxe galega como adaptador de diálogos, actor e director de dobraxe. É profesor de ensino medio no IES Maruxa Mallo de Ordes. Ten publicadas dúas ducias de estudos sobre dramaturxia.

Breogán Riveiro (Montevideo, 1967) é un guionista e realizador audiovisual que ten publicadas varias obras en galego, a meirande parte delas dirixidas a un público infantil-xuvenil. Destacan, nos últimos tempos, Tonecho de Rebordechao, que acadou o premio "Raíña Lupa" da Deputación de A Coruña, e A historia máis incrible que nunca liches, premio "Pura e Dora Vázquez" da Deputación de Ourense. Como profesional do audiovisual, a curiosidade levouno a experimentar co deseño de monicreques e a escribir historias neste campo.