Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ÁNXELA BUGALLO REUNIUSE COS REPRESENTANTES DAS EMPRESAS E DOS GRUPOS MUSICAIS

Éxito de público na inauguración do stand galego na Feira Popkomm

[19/09/2007] Galiza volve estar presente, por segunda vez, nunha das grandes feiras internacionais da música. Hoxe abriu as súas portas Popkomm no recinto feiral de Berlín e alí xurdiu de novo o GalicianTunes como unha plataforma de apoio aos músicos e ás empresas galegas do sector. Nesta ocasión a presenza galega é maior que nunca, ao actuar en directo cinco bandas: Faltriqueira, Berrogüetto, Lamatumbá, Deluxe e Catpeople. As tres primeiras estrearanse esta noite, mentres que Xoel López o fará mañá xoves e Catpeople o venres.

Stand galego

A Consellaría de Cultura e Deporte, que a través do IGAEM lidera a delegación galega, aproveitou a ocasión para manter unha xuntanza cos músicos e coas empresas para intercambiar ideas e impresións sobre as posibilidades de promoción da música galega. Neste sentido, os músicos expresaron o seu desexo de que se organice unha feira de productos culturais –con especial atención ao mundo da música- en Galiza; ademais de reclamar un acordo co Ministerio para paliar a escasa penetración no mercado español, xa que –declararon- "é máis doado entrar en Europa que en España".

Ánxela Bugallo participou tamén na rolda de prensa de presentación da plataforma ‘Sounds from Spain’, compartindo mesa co director xeral do INAEM (Instituto Nacional de Artes Escénicas y Musicales), Juan Marset; e con Fernando Moriyón, director xeral do ICEX. Alí a conselleira definiu o sector musical como "un dos máis puxantes e con máis proxección musical da cultura galega".

Neste sentido, Bugallo sinalou que "estamos a facer un esforzo importante por colocar a Galiza nas máis importantes feiras de Europa, aínda que só estamos a comezar e sabemos que isto é unha carreira de fondo, o noso obxectivo último é colocar a música galega no lugar que lle corresponde". Tamén quixo agradecerlle ás empresas e aos grupos "que durante moitos anos percorreron este camiño en solitario e sen apoios institucionais, que levaran a música galega polo mundo adiante". A conselleira tamén subliñou a consolidación da marca GalicianTunes como "unha forte aposta por visibilizar a música galega e promocionala internacionalmente".

GalicianTunes, a marca que se consolida

Cultura segue a explotar a marca ‘GalicianTunes’ (http://www.galiciantunes.com) como a imaxe que representa a música galega no exterior, que acode a Berlín co subtítulo ‘Music in Oven’ e con novo material de promoción. Baixo este paraugas estarán presentes neste evento sete empresas galegas (La Fábrica de Chocolate, Abada, Berrogüetto Producións, Falcatruada, Kamikaze, Nordesía, Promocións Sen Fronteiras e Zouma).

Un equipo da Consellaría de Cultura e do IGAEM estará ao servizo das empresas durante os días que dura esta feira (19-21 de setembro), establecendo contactos con outras administracións e empresas.

Estratexia de difusión e vertebración

A presenza da música galega en Berlín e en Sevilla durante o mes de outubro forma parte da estratexia da Consellaría de Cultura para difundir no exterior a creatividade galega e insírese no proxecto de consolidación do sector. "Estáse a activar por primeira vez unha política real de apoio ao sector musical en Galiza", indicou Bugallo no acto de presentación das actividades en Popkomm.

A Consellaría de Cultura estableceu mecanismos de apoio que inclúen a difusión e comercialización. No exterior, xunto coa feira de Berlín, Cultura promoveu a música galega no Midem en Francia e farao no Womex de Sevilla; ademais das promocións en Lisboa a través de Portugalizando e en Barcelona mediante a iniciativa SonGaliza.

Establecemento de redes e colaboracións

Por outra banda, a Rede Galega de Música ao Vivo e os Circuítos 4x4 permitiron a creación de programación estables para os músicos galegos e, á vez, a coordinación das salas de concerto do país. Así mesmo, a Consellaría creou liñas de axudas á difusión de producións discográficas.

Un labor de grande importancia é o establecemento de colaboracións e de sinerxias entre os diferentes actores do sector musical galego. Neste sentido, o departamento que dirixe Ánxela Bugallo está a organizar a celebración de encontros de análise e de debate co sector. A posta en marcha de políticas de fomento da música e o encontro dun interlocutor e aliado na Consellaría propiciou que o sector estea a vivir un momento de consolidación e de vertebración.

Próxima cita: Womex

Despois de Berlín, a vindeira cita na que estará representada a música galaica é Womex, que se celebrará en Sevilla do 24 ao 28 de outubro. Trátase da máis importante feira internacional do ‘world music’ (folc, roots, étnica e tradicional), o que a converte converte no mercado máis interesante para as empresas galegas. Desta volta a representación musical corre por conta do grupo Marful, e terá lugar o 26 de outubro.