Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTREARASE NOITE DE REIS, VALDEMULLER, DRAMAA3 E CASCUDA

O CDG enfronta a nova temporada con 4 producións e novos servizos á cidadanía

[12/09/2007] O Centro Dramático Galego (CDG) enfronta a súa temporada teatral 2007-2008 cun plan de produción de espectáculos pensado para chegar a todos os públicos e coa posta en marcha de novos servizos que reforcen a súa relación tanto co público como cos profesionais das artes escénicas. Baixo o lema "A temporada da cidadanía", a compañía institucional centrarase neste novo período en iniciativas como a rede "Espazos CDG", o asentamento de canles para o préstamo de material escénico, visitas programadas á súa sede ou a posta a disposición de medios de asesoramento e acceso técnico como algunhas das medidas que contribuirán ao obxectivo de proporcionar un servizo teatral público en toda a súa extensión.

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou este mediodía xunto á directora do CDG, Cristina Domínguez Dapena, o novo programa de actividades que se desenvolverá desde finais de setembro até xuño, no que se insiren tres producións propias –Noite de Reis, de W. Shakespeare; Valdemuller, de Xosé Neira Cruz; e DramA3, de Dani Salgado–, así como a coprodución do espectáculo Cascuda, de Diego Anido.

Outras iniciativas planificadas son os novos contidos didácticos que albergará o Centro de Creación Dramática Contemporánea, o traballo de tres autores residentes (Rubén Ruibal, Jacobo Paz e Vanesa Sotelo) e a xestión do Salón Teatro de Santiago, escenario que ten pechada a súa carteleira até o mes de decembro cunha especial atención ao teatro feito por compañías galegas.

TEATRO PRÓXIMO

No acto de presentación participaron responsables artísticos dos espectáculos programados, así como concelleiros e representantes municipais dos doce concellos galegos asociados en "Espazos CDG", un dos principais proxectos artellados para esta temporada baixo a premisa de facer que o teatro estea cada vez máis próximo aos espectadores. Forman parte desta iniciativa, ademais do Salón Teatro, escenarios da Coruña, Ribadeo, Burela, Ferrol, Narón, O Barco, Ourense, Pontevedra, Tui, Vilagarcía e Vigo. A súa organización conxunta resposta á dobre necesidade de garantir a accesibilidade total ao teatro e de converter a estadía do CDG en cada localidade nunha oportunidade de difusión que rebase o feito escénico illado e se faga notar en cada área xeográfica de inluencia mediante o desenvolvemento de accións de promoción para as artes escénicas en xeral.

SERVIZOS Á CIDADANÍA

Como referente escénico do país, o CDG incentivará o achegamento á actividade escénica mediante a posta a disposición dunha serie de servizos de nova oferta, dirixidos a reforzar a súa relación con toda a cidadanía: espectadores, afeccionados e profesionais do teatro.

Poranse en marcha neste apartado procedementos para o préstamo de atrezzo do fondo dispoñible de producións anteriores, o servizo de asesoramento profesional para entidades interesadas, a organización de visitas guiadas –individuais e para grupos- ás depedencias do Salón Teatro ou o acceso ás xornadas de traballo técnico, que permitirán a presenza externa nos procesos de montaxe e desmontaxe de espectáculos.

PLAN DE PRODUCIÓN

Canto ao labor de produción, Cristina Domínguez compuxo un amplo programa no que se ten en conta a todos os tipos de público e no que se avanza sobre os tres eixos fundamentais iniciados xa na pasada temporada: o desenvolvemento dun repertorio dramático contemporáneo, o apoio á produción de espectáculos infantís e a clara aposta pola dramaturxia galega. Atendendo a estes piares, o primeiro dos espectáculos de nova factura que verá a luz será Noite de Reis. Ou o que queirades, a proposta sobre a obra de William Shakespeare que versiona e dirixe Quico Cadaval estréase o vindeiro 28 de setembro no Salón Teatro, onde permanecerá até o 21 de outubro. Son 13 os músicos e actores que compoñen o elenco desta montaxe, que fará xirar por Galiza até o mes de decembro unha das pezas -cualificada como comedia romántica- máis representadas do repertorio dramático universal.

Xa en febreiro de 2008 será a quenda do teatro de monicreques, que se achegará mediante a montaxe de Valdemuller, do compostelán X. A. Neira Cruz con dirección de Pablo Vergne, creador arxentino considerado un dos directores de teatro de títeres máis recoñecidos internacionalmente da actualidade. O espectáculo estará en distribución até abril, mesmo mes no que se se estreará DramA3, proxecto escénico no que traballarán a terna de autores residentes desta temporada: Rubén Ruibal, Jacobo Paz e Vanesa Sotelo, que escribirán a tres bandas o texto da montaxe coa que o CDG cumprirá o mes de xuño.

Paralelamente, levarase durante o mes de maio a a coprodución de Cascuda, con autoría, dirección e interpretación de Diego Anido, unha proposta que rachará as fronteiras das disciplinas artísticas convencionais e cuxo proceso de creación se levará a cabo desde xaneiro de 2008 entre Barcelona e Santiago.

OBRADOIROS DE CREACIÓN

Dentro do Centro de Creación Dramática Contemporánea, o CDG seguerá a impulsar a dramaturxia galega a través do intercambio de coñecementos e experiencias, do fomento de proxectos de investigación en novas linguaxes escénicas e do achegamento a outras disciplinas artísticas. As actividades deste Centro darán comezo no mes de novembro coa segunda parte do curso Pistas para unha dramaturxia da actualidade, que dirixirá até novembro Cándido Pazó mediante a organización de catro talleres.

O outro dos cursos previstos -organizado en colaboración co Centro Coreográfico Galego, a Universidade de Santiago e a Consellería de Innovación e Industria- versará sobre a relación entre dramaturxia, coreografía e linguaxes de comunicación audiovisual interactiva. Leva por título A escena aumentada: Galicia e é un laboratorio de I+D+i dirixido por Rosa Sánchez e Alain Baumann, do Kônic Theatre. Está deseñado como unha experiencia transdisciplinar que combina a instalación e a performance, e busca a relación entre movemento, palabra, vídeo, son e data dixital xestionados en escena a tempo real.

SALÓN TEATRO

O CDG completa a súa actividade anual co deseño da programación externa e xestión da súa sede escénica, o Salón Teatro, espazo que terá unha carteleira de exhibición continuada até o mes de xuño, cunha importante presenza do teatro feito en Galiza. Así, o último trimestre do ano pasarán polo escenario da compostelana Rúa Nova as compañías Berrobambán co espectáculo Boas Noites (2 de novembro), Teatro do Atlántico con A bombilla máxica (24 e 25 de novembro), Ancora Teatro con Medidas preventivas (1 e 2 de decembro), a brasileira Cía dos actores con Seagull-Play/Gaivota (15 e 16 de decembro), a compañía lusa de danza Paulo Ribeiro con Malgré nous, nous étions là (20 e 21 de decembro), e Pistacatro con Kamikaze (22 e 23 de decembro). O Salón Teatro acollerá ademais a Feira Galega das Artes Escénicas do 23 ao 27 de outubro, Cineuropa do 3 ao 18 de novembro e a Semana de Teatro Infantil do 26 ao 30 de decembro.

Documentación