[14/08/2007] Un total de 486 grupos e solistas de todos os estilos musicais formalizaron a súa preinscrición para participar na programación de 2008 da Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto promovido polo IGAEM e a asociación Clubtura do que actualmente forman parte 45 salas de toda Galiza. Estes locais teñen de prazo até o vindeiro 15 de setembro para elaborar as súas propostas de programación para todo o ano 2008, agás os meses de xullo e agosto.
Para este trámite, do mesmo xeito que no proceso de inscrición, os participantes teñen á súa disposición unha intranet inserida na páxina web http://www.galescena.info/musicavivo/.
Máis dun 87% dos grupos inscritos son galegos, dos que 196 corresponden á provincia da Coruña, 163 a Pontevedra, 39 a Ourense e 28 a Lugo. Canto ao resto das solicitudes, rexistráronse formacións procedentes de Andalucía, Aragón, Asturias, Canarias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura, Euskadi, Madrid e Navarra, así como de Alemaña, Bélxica, Irlanda e Portugal. Os seus repertorios abranguen todos os estilos musicais, que van dende o rock, pop e folk até a música electrónica, o jazz e a canción de autor, entre outros.
Cada sala deberá contratar un mínimo de 8 grupos para configurar a súa proposta, na que cando menos un 75% debe corresponder a formacións galegas. Así mesmo, para que un grupo ou solista sexa contratado necesita ter pechado un mínimo de 6 concertos anuais dentro da programación global.
A Rede Galega de Música ao Vivo botou a andar en febreiro de 2007 co obxectivo de consolidarse como un circuíto estábel de distribución musical que serva, ao tempo, de plataforma de promoción para os intérpretes e contribúa a optimizar a súa presenza en toda Galiza. Durante o primeiro semestre de actividade, ofreceu 560 actuacións protagonizadas por 71 grupos e solistas. A partir de setembro e até finais de ano acollerá outros 295 concertos a cargo de 70 formacións.