[02/08/2007] A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) e o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) inician unha nova liña de colaboración orientada a potenciar a formación permanente dos profesionais das artes escénicas de Galiza a través da posta en marcha dun programa de cursos que, entre setembro e novembro, celebrará nas cidades de Vigo e Santiago cinco encontros que abranguen diferentes ámbitos tanto artísticos como técnicos.
As sedes da Escola de Arte Dramática en Vigo e do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro de Santiago acollerán a posta en marcha deste plan formativo, cun profesorado composto por destacados nomes da escena a nivel estatal. Así, o programa dará comezo co Curso de Interpretación que a directora valenciana Carme Portaceli impartirá do 3 ao 7 de setembro na ESAD, onde tamén terá lugar, do 26 ao 30 de novembro, o Curso de Creación Escénica a cargo da bailarina e coreógrafa catalá Marta Carrasco. Ambas as convocatorias celebraranse en horario de tarde.
No Salón Teatro realizaranse os tres cursos restantes: Produción (do 8 ao 11 de outubro en horario de tarde) con José Manuel Garrido, creador e director xeral da empresa de produción, consultoría e xestión cultural Artibús; e Introdución á Luminotecnia (do 15 ao 18 de outubro) e Dirección Técnica de Espectáculos (do 5 ao 9 de novembro), ambos impartidos en horario de mañá por Jordi Planas, director da Escola Superior de Técnicas das Artes do Espectáculo do Institut del Teatre catalán.
PRAZAS LIMITADAS
Cada curso oferta un máximo de 20 prazas, que serán adxudicadas por orde de inscrición. O prazo de recepción de solicitudes pecharase 10 días antes do inicio do encontro correspondente.
Coordinado por Daniel González Salgado, o Plan de Formación Permanente en Artes Escénicas conta tamén coa colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, ATEGA, Escena Galega, GALATEA e UNIMA. O prezo da matrícula de cada curso é de 50 €, cun desconto do 50% para os socios destas asociacións profesionais.
Máis información sobre o proceso de solicitude e inscrición na páxina web da ESAD.