Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ACOLLERÁN OUTRAS 661 ACTUACIÓNS DE TEATRO, DANZA E MÚSICA ENTRE OS MESES DE SETEMBRO E DECEMBRO

As redes de distribución do IGAEM ofreceron un total de 1.038 funcións durante o primeiro semestre do ano

[20/07/2007] As tres redes de distribución de espectáculos de teatro, música e danza que promove o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais pecharon o primeiro semestre do ano cun balance global de 1.038 funcións realizadas, das que 376 corresponden á Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), 99 á Rede Galega de Salas (RGS) e 563 á Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV).

No caso da RGTA, participaron 80 compañías escénicas (29 de teatro adulto, 7 de teatro infantil, 7 de monicreques, 12 de danza, 11 de maxia e 14 agrupacións de música de cámara) nos 44 teatros e auditorios que formaron parte deste circuíto de exhibición nese período. Pola súa banda, a primeira programación da RGS acolleu 34 propostas escénicas de 31 compañías en cinco espazos asociados (Sala Nasa, Sala Yago, Teatro Ensalle, Teatro de Andamio e Teatro Arte Livre).

Ademais, un total de 72 grupos e solistas de todos os estilos actuaron en 43 salas da Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto que o IGAEM promove xunto coa asociación Clubtura.

Estas tres redes iniciarán en setembro un segundo ciclo de distribución, cun calendario de actuacións cuadrimestral (até finais de decembro) e varias novidades na súa planificación, como a posta a disposición do público do portal www. galescena.info como espazo de relación cos espectadores, que terán á súa disposición a axenda das diferentes programacións da Consellaría de Cultura e Deporte e un sistema de socios para recibir información personalizada, e cos programadores e compañías ou grupos musicais a través dunha intranet para xestión das tres redes que promove o IGAEM.

No último cuadrimestre do ano, estes tres circuítos teñen previsto acoller un total de 661 funcións, da que 324 celebraranse no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, 14 da Rede Galega de Salas e 292 da Rede Galega de Música ao Vivo.