Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

UN TOTAL DE 23 ALUMNOS PARTICIPAN NAS SESIÓNS LECTIVAS, CONCERTOS E DEMAIS ACTIVIDADES

A EAEM celebra o VI Festival de Contrabaixo "Ludwig Streicher"

[05/07/2007] Un total de 23 alumnos galegos e de fóra de Galiza participará a partir de mañá na sexta edición do Festival de Contrabaixo "Ludwig Streicher", que se desenvolverá até o vindeiro 13 de xullo na sede da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) en Santiago de Compostela. Ademais do programa lectivo, o encontro será o marco para a celebración de distintas actividades complementarias, entre as que destaca a escenificación da obra "El contrabajo" de Patrick Süskind, un obradoiro de técnicas teatrais aplicadas á interpretación deste instrumento e distintos concertos abertos, dous deles protagonizados polos alumnos, abertos ao público xeral e de entrada libre.

Organizado pola EAEM e coordinado polo profesor Carlos Méndez, contrabaixo principal da Real Filharmonía de Galicia, naceu a partir da iniciativa dun grupo de antigos alumnos do desaparecido mestre austríaco Ludwig Streicher na Escuela Superior Reina Sofía de Madrid, o Festival chega este ano a súa sexta convocatoria consolidado como un dos eventos máis importantes que se realizan sobre o contrabaixo de xeito monográfico.

TÉCNICAS DRAMÁTICAS

Unha das novidades da presente edición é a incorporación ao profesorado de Theodor Smeu, que desenvolverá un obradoiro de técnicas dramáticas aplicadas á interpretación. Aspectos como a desinhibición, a actitude, a presenza escénica, a imaxinación dramático-musical, a biomecánica e a respiración son algúns aspectos que se tratarán neste seminario, que terá lugar entre os días 9 e 10 de xullo.

Os alumnos inscritos asistirán ás clases impartidas por un profesorado do que forman parte recoñecidos contrabaixistas, como o propio Carlos Méndez, contrabaixo principal da Real Filharmonía de Galicia e profesor da Escola de Altos Estudos Musicais; Christoph Filler, contrabaixo principal da Bilboko Orquestra Sinfónikoa; Damián Arenas, contrabaixo tutti da Orquestra Sinfónica de RTVE; e Roberto Terrón, contrabaixo co-principal da Orquestra de RTVE. Aos catro mestres, que e imparten as sesións de repertorio solístico e orquestral, súmase Alfonso Morán, contrabaixo co-principal da Real Filharmonía, que corre a cargo das clases de jazz. Os pianistas Ángel Gago e Lorenzo de los Santos acompáñanos no desenvolvemento das clases.

PROGRAMA PARALELO

Canto ás actividades paralelas, mañá día 6 ás 22:30 horas celebrarase no Jazz Club Dado-Dadá un concerto de Nani García Cuarteto (Roberto Somoza, saxo; Nani García, piano; Alfonso Morán, contrabaixo; Fernando Llorca, batería), o luns 9 ás 19:30 a EAEM acollerá a representación do monólogo "El contrabajo" de Patrick Süskind, a cargo da compañía Maskarada co actor Gorka Mínguez; e os días 9 e 10 terá lugar o obradoiro de Theodor Smeu "Técnicas de teatro aplicadas a intérpretes do contrabaixo".

O programa de concertos do Ludwig Streicher iniciarase o mércores 11 ás 18:00 horas na igrexa de San Domingos de Bonaval cun recital para contrabaixo a cargo de Carlos Méndez (incluído no Festival Via Stellae); e seguirá o xoves 12 ás 12:30 do mediodía na EAEM con outro executado por Frano Kakarigi.

Como colofón están programados dous concertos de alumnos, o xoves 12 e o venres 13 ás 18:30 horas no auditorio da EAEM, nos que se interpretarán parte das composicións traballadas durante as xornadas lectivas.