Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CONVENIO ASINADO POLA CONSELLERÍA DE CULTURA E A UNIVERSIDADE DA CORUÑA

O IGAEM colabora na edición de sete novos títulos da colección teatral Pillado Mayor

[30/05/2006] A colección Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor, que edita o Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña co apoio da Consellería de Cultura e Deporte, incorporará este ano sete novos títulos ao seu catálogo, que acadará así os 49 números editados, de acordo co convenio de colaboración asinado pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o reitor da Universidade coruñesa, José Mª Barja Pérez.

Esta colaboración materialízase a través do IGAEM, que este ano achegará un total de 21.000 € a esta colección teatral, coordinada polo profesor Carlos Paulo Martínez Pereiro e na que se recollen algunhas das pezas máis relevantes das dramaturxias galega, portuguesa e francesa, entre outras, así como obras de investigación e documentación sobre o teatro.

Texto inédito de Lugrís Freire

Dos sete novos títulos previstos para 2006, dous veñen de ver a luz recentemente. Trátase do número 43, Confusión de María Balteira, de Marica Campo, con introdución de Mª Pilar García Negro; e do número 44, A costureira d’aldea, unha das primeiras obras literarias de Manuel Lugrís Freire, que o escritor mariñán ao que este ano estivo dedicado o Día das Letras Galegas escribiu durante a súa estadía na Habana. Teresa López encargouse do estudo crítico da que é a primeira edición impresa deste texto dramático escrito en verso, que no ano 2005 foi atopado nos fondos da Real Academia Galega.

Ámbolos dous textos integran a Serie Azul, dedicada á literatura teatral galega, desta colección. A Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor conta, ademais, con outras cinco series, segundo os ámbitos nos que se insiren as diferentes obras: Serie Branca (outras literaturas teatrais), Serie Gris (pensamento e estética), Serie Verde (literatura teatral en lingua portuguesa), Serie Vermella (literatura teatral en lingua francesa) e a máis recente Serie Ouro (documenta), que foi inaugurada o pasado ano 2005 coa publicación de Documentos para a Historia do Teatro Galego (1919-1924), número 41 do total.

A conquista da escola para Madhubaï, de Hélène Cixous (Serie Vermella); Luces fóra, de Manjula Padmanabhan (Serie Branca); Teatro reunido, de Teresa Rita Lopes, e O fidalgo aprendiz, de Francisco Manuel Melo (Serie Verde); e Memoria crítico-bibliográfica do teatro galego, de Uxío Carré Aldao (Serie Ouro) son os outros cinco títulos previstos no convenio, que se incorporarán proximamente a esta liña editorial.

A Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor comezou a súa andaina no ano 1997 co obxectivo de contribuír a cubrir as necesidades dunha bibliografía teatral en Galicia, conformando na actualidade un amplo catálogo de textos dramáticos en galego, portugués ou en versión bilingüe (galego/idioma orixinal), así como de estudos críticos e de investigación no ámbito da arte dramática.