[26/01/2026] A Xunta de Galicia iniciou no Centro Dramático Galego os ensaios de Hamlet baixo a dirección escénica de Tito Asorey e cun elenco de 16 actores e actrices. A unidade teatral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asume unha versión galega do clásico de Shakespeare, asinada polo propio Asorey xunto a Vanesa Sotelo, nunha montaxe de gran formato que terá a súa estrea o vindeiro 19 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela.
A compañía pública dálle continuidade deste xeito á súa liña programática de incorporar ao galego as grandes obras da dramaturxia universal. Neste caso faino como a produción propia central para este ano e sobre un dos títulos máis representados e traducidos de todos os tempos: a traxedia de vinganzas, traizóns e remorsos do príncipe de Dinamarca, drama cumio do bardo inglés publicado en 1603.
O actor vigués Alejandro Jato encarna a Hamlet neste novo espectáculo e completan a interpretación Sergio Abelaira, Cristina Andrade, Belén Constenla, Raquel Espada, Isabel Garrido, César Goldi, Marita Martínez, Iolanda Muíños, Anxo Outumuro, Pedro Placer, Adrián Ríos, Machi Salgado, Toni Salgado, Inés Salvado Gontad e Sergio Zearreta. Todo o elenco foi escollido mediante un proceso de audicións ao que concorreron máis de 300 profesionais.
Outros nomes importantes do equipo artístico que suman as súas realizacións ao proxecto son Carlos Alonso na escenografía, Laura Iturralde na iluminación, Saturna no vestiario, Xavier Bértolo no espazo sonoro, Lorena Calvo na maquillaxe e caracterización, Rut Balbís no movemento escénico e coreografía, Xosé Piñeiro na loita escénica, Melania Cruz na asistencia de texto, Rosa Moledo no asesoramento lingüístico e Sara Rey como axudante de dirección.
A venda anticipada de localidades para as funcións de Hamlet, que se desenvolverán de de mércores a domingo ata o 3 de maio, está xa dispoñible na web entradas.ataquilla.com e no despacho de billetes do Salón Teatro nos días de apertura.
O Centro Dramático Galego combina este período de ensaios coas representacións en Santiago de Compostela e en xira Memorias dun neno labrego. A proposta teatral dirixida por Cándido Pazó a partir do célebre libro de Xosé Neira Vilas e estreada o pasado 8 de xaneiro, poderá volver a verse no Salón Teatro do 11 ao 15 de febreiro. Visitará tamén, nunha distribución inicial, os escenarios de Vimianzo (30 de xaneiro), Nigrán (1 de febreiro), Lugo (5 de febreiro), Ribeira (6 de febreiro), Vilalba (7 de febreiro), Rianxo (18 de febreiro), Monforte de Lemos (19 de febreiro), O Barco de Valdeorras (20 de febreiro) e Carballo (21 de febreiro).