[14/12/2025] O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe este vindeiro martes día 16, ás 20,00 h., o espectáculo José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983, no que participa o Centro Dramático Galego xunto con catro institucións culturais de Portugal. A montaxe, inspirada nos concertos de despedida do icónico cantautor luso, estreouse no Teatro Municipal do Porto os pasados 7 e 8 de novembro e puido verse tamén en Lisboa do 11 ao 13 de decembro.
A compañía chega agora a Galicia cunha única función na que colabora o Instituto Camões de Vigo e que será especial porque estará precedida, xusto antes do comezo, dunha pequena homenaxe aos promotores do histórico concerto que "Zeca" Afonso ofreceu en 1972 no compostelán Burgo das Nacións, onde cantou por vez primeira o seu Grândola, vila Morena, dous anos antes de que se convertera no himno da Revolución dos Caraveis.
Ademais do Centro Dramático Galego e do Teatro Municipal do Porto, a coprodución conta coa implicación do Teatro Experimental do Porto, a Culturgest e o Cineteatro Louletano. Con este proxecto, a unidade teatral da Xunta de Galicia continúa a impulsar e a participar en iniciativas compartidas con artistas e profesionais de Portugal no marco da súa estratexia de reforzo dos vínculos culturais entre ambos os territorios.
Un concerto convertido en memoria colectiva
Con dirección escénica de Gonçalo Amorim, José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983 inspírase nos históricos concertos de despedida que José Afonso ofreceu ese ano en Lisboa e Porto, pouco antes de que a enfermidade lle impedise seguir cantando. Porén, a montaxe non busca recrear literalmente aqueles eventos, senón capturar o seu espírito e a súa carga simbólica, transitando entre a biografía e a evocación colectiva para explorar as emocións e os ideais dese tempo.
Teatro, música e poesía mestúranse nesta proposta, que toma como referencia o xénero híbrido do Gig Theatre para combinar a enerxía dun espectáculo musical coa forza narrativa do teatro e fundindo as cancións e os textos nun relato coral sobre a amizade, a resistencia e a esperanza. O resultado é unha homenaxe a Zeca Afonso, na que a súa música serve de fío condutor para unha reflexión sobre a memoria, o compromiso político e o poder transformador da arte.
José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983 foi creada a partir de textos de Lígia Soares, Marta Figueiredo, Miguel Cardoso, Rui Pina Coelho e Susana Moreira Marques, baixo a dirección de Gonçalo Amorim e a coordinación dramatúrxica de Rui Pina Coelho.
O elenco a cargo da interpretación escénica e musical está integrado pola galega Inés Salvado Gontad xunto a Catarina Chora, Catarina Carvalho Gomes, Mariana Leite Soares, Pedro João, Hugo Inácio, Josué, Saulo Giovannini e Teresa Costa. Mariana Leite Soares e Pedro João encárganse da dirección musical, Catarina Barros da escenografía, Cátia Barros do vestiario e Nuno Meira do deseño de luz. A produción conta tamén co apoio á investigación de José Carlos Calixto e da viúva e fillo do cantautor, Zélia e Pedro Afonso.
As localidades para asistir á función no Salón Teatro están xa á venda na plataforma dixital ataquilla.com e no despacho de billetes do número 34 da compostelá rúa Nova nos días de apertura.