Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

EN DECEMBRO EN LISBOA E SANTIAGO

O Centro Dramático Galego coproduce en Portugal o espectáculo ‘José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983’ que se estrea no Porto

[05/11/2025] O Teatro Municipal do Porto (Portugal) acolle este venres na súa sede do Rivoli a estrea da coprodución José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983, na que participa o Centro Dramático Galego, a unidade teatral da Xunta, xunto a outras catro institucións culturais do país veciño. A montaxe, inspirada nos concertos de despedida do icónico cantautor portugués, poderá verse no Porto os días 7 e 8 de novembro e en Lisboa do 11 ao 13 de decembro, antes de poñer rumbo cara a Galicia para o pase que ofrecerá no Salón Teatro de Santiago de Compostela o día 16 dese mes en colaboración co Instituto Camões de Vigo.

José Afonso ao vivo nos Coliseus

Ademais do Centro Dramático Galego e do Teatro Municipal do Porto, o espectáculo conta tamén coa implicación do Teatro Experimental do Porto, a Culturgest e o Cine-Teatro Louletano. Con este proxecto, o Centro Dramático Galego continúa a impulsar e participar en iniciativas compartidas con compañías e profesionais de Portugal no marco da súa estratexia de reforzo dos vínculos culturais entre ambos os territorios.

Nesta mesma liña, esta temporada 2025-2026 ten previstas outras cinco coproducións teatrais, ademais da participación en festivais como o Encontro de Teatro Ibérico de Évora ou a Mostra Galiza Coimbra, onde A serie clopen puido verse onte mesmo e o pasado día 30, respectivamente, e a colaboración con programas como a recente Ocupación Minhota en Ponteareas ou unha nova edición das Quintas do Camões.

Un concerto convertido en memoria colectiva
Con dirección escénica de Gonçalo Amorim, José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983 inspírase nos históricos concertos de despedida que José Afonso ofreceu ese ano en Lisboa e Porto, pouco antes de que a enfermidade lle impedise seguir cantando. Porén, a montaxe non busca recrear literalmente aqueles eventos, senón capturar o seu espírito e a súa carga simbólica, transitando entre a biografía e a evocación colectiva para explorar as emocións e os ideais dese tempo.

Teatro, música e poesía mestúranse nesta proposta, que toma como referencia o xénero híbrido do Gig Theatre para combinar a enerxía dun espectáculo musical coa forza narrativa do teatro e fundindo as cancións e os textos nun relato coral sobre a amizade, a resistencia e a esperanza. O resultado é unha homenaxe a Zeca Afonso, na que a súa música serve de fío condutor para unha reflexión sobre a memoria, o compromiso político e o poder transformador da arte.

José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983 foi creada a partir de textos de Lígia Soares, Marta Figueiredo, Miguel Cardoso, Rui Pina Coelho e Susana Moreira Marques, baixo a dirección de Gonçalo Amorim e a coordinación dramatúrxica de Rui Pina Coelho.

O elenco a cargo da interpretación escénica e musical está integrado pola galega Inés Salvado Gontad xunto a Catarina Chora, Catarina Carvalho Gomes, Mariana Leite Soares, Pedro João, Hugo Inácio, Josué, Saulo Giovannini e Teresa Costa.

Mariana Leite Soares e Pedro João encárganse, así mesmo, da dirección musical, Catarina Barros da escenografía, Cátia Barros do vestiario e Nuno Meira do deseño de luz. A produción conta tamén co apoio á investigación de José Carlos Calixto e da viúva e fillo do cantautor, Zélia e Pedro Afonso.