Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

COOPERACIÓN CO PROXECTO LUSO COMÉDIAS DO MINHO

O proxecto de artes escénicas ‘Ocupación Miñota’ chega a Ponteareas co apoio da Xunta para tender pontes entre Galicia e Portugal

[16/09/2025] O Centro Dramático Galego continúa a tender pontes entre creadores e público das artes escénicas de Galicia e Portugal con Ocupación Miñota, un programa de actividades arredor do teatro, no que se inclúen sesións de formación, conversas e a exhibición de tres espectáculos que terán lugar no marco das Residencias Artistea de Ponteareas do 17 ao 21 de setembro.

Ocupación Miñota

O proxecto luso Comédias do Minho organiza esta iniciativa en colaboración coa unidade da Xunta de Galicia, na liña de fortalecer o tecido das artes escénicas galegas, apoiando tanto a produción como a formación e a difusión do teatro. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañado polo director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, participou hoxe na rolda de prensa na que se deu conta do programa na sede Deputación de Pontevedra en Vigo, nun acto no que tamén inteviñeron Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas, Luisa Sánchez, a vicepresidenta do organismo provincial, e Vitor Paulo Pereira, presidente de Comédias do Minho e alcalde la localidade lusa de Paredes de Coura.

Jacobo Sutil destacou a singularidade de Ocupación Miñota, unha cooperación que exemplifica unha estratexia de apertura e intercambio que enriquece o ecosistema artístico galego, proxectándoo máis alá das fronteiras administrativas e situando Galicia como axente activo nas redes culturais europeas. O representante da Consellería de Cultura asegurou que este proxecto afianza o compromiso do Goberno galego coa internacionalización, a descentralización e a diversidade na oferta cultural abrindo un novo espazo de encontro, visibilidade e proxección que reforza a identidade cultural compartida entre Galicia e o norte de Portugal, ao tempo que promove un modelo sostible, inclusivo e de futuro para as artes escénicas.

Unha programación de teatro para todos os públicos
Ocupación Miñota é unha proposta de Comédias do Minho, unha rede artística e comunitaria que reúne os municipios de Melgaço, Monção, Paredes de Coura, Valença e Vila Nova de Cerveira, situados todos na rexión do Alto Minho. Fundado en 2003, o colectivo destaca por levar o teatro a espazos inusitados, como escolas, centros culturais, igrexas ou prazas, fomentando unha conexión directa coa comunidade. Esta filosofía reflíctese na programación de Ocupación Miñota, que integra espectáculos, formación e conversas arredor do teatro.

Durante cinco días presentaranse tres espectáculos de teatro abertos a todo o público. O programa artístico arrancará coa peza Chegar a tempo ou sobre o desaparecimento, na que descobre historias de localidades desaparecidas do Norte de Portugal nunha obra que crea un universo máxico, oscuro e poético no que se reflexiona sobre o significado da palabra "desaparecimento". Haberá dúas funcións, a primeira mañá mércores 17 e a segunda o sábado 20, ambas ás 21,00 h. no Mercado Municipal de Ponteareas.

O venres 19 presentarase O duelo e outras histórias, unha peza dirixida á rapazada que contará con dous pases dirixidos a escolares o venres ás 10,00 e ás 12,00 h. no Auditorio Reveriano Soutullo; e unha representación máis para o público familiar o domingo 21 ás 11,00 h. no mesmo espazo. Tamén o venres pasará por este escenario ás 21,00 h. a obra C..., unha historia que convida a confrontar os medos propios e a pensar o lugar do teatro como espello e acontecemento perturbador.

Conversas e obradoiros sobre artes escénicas
A programación contempla, ademais, unha serie de actividades que se celebrarán na residencia Artistea que funciona na capital da comarca do Condado, e que están dirixidas a profesionais do sector, pero tamén abertas a todo o público interesado nas artes escénicas. Así, mañá mércores 17, Conversas do Minho, convida as persoas asistentes a preguntar sobre a historia, programación, percorridos, procesos creativos, pedagoxías e público do proxecto Comédias do Minho. Haberá un encontro ás 12,00 h. con profesionais da xestión cultural e outro ás 17,00 h. no que se convida a responsables das políticas dese eido no marco das administracións.

O xoves 18 ás 20,00 h. a formación O espectro: corpo, voz, electrónica, dirixida a alumnado adulto, será unha inmersión práctica na metodoloxía Frenesim, baseada nas técnicas de cohesión comunitaria e de creación do espazo colectivo artístico común. O domingo 21 ás 11,00 h. o obradoiro de escenografía para toda a familia Oficina Alforreca tomará como punto de partida un parágrafo do libro Estranhões e Bizarrocos, de José Eduardo Agualusa, onde se fala das medusas (alforrecas en portugués) para que os participantes creen con diferentes materiais o corpo, os tentáculos, a luz e o movemento destes invertebrados.