Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A COMPAÑÍA PÚBLICA PRODUCE OU COPRODUCE 14 NOVOS ESPECTÁCULOS

López Campos presenta a temporada 2025-2026 do Centro Dramático Galego como punto de encontro do sector, concellos e cidadanía

[03/09/2025] O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presidiu hoxe a presentación da nova temporada 2025-2026 do Centro Dramático Galego, que congregou na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, unha trintena de representantes de compañías, concellos e entidades culturais coas que a compañía publica colabora no desenvolvemento desta programación baixo o lema O teatro, punto de encontro.

 Temporada 25-26 CDG

Segundo o titular de Cultura do Goberno galego, a compañía pública reivindícase con esta frase como "un espazo compartido e aberto a toda a profesión escénica e, por suposto, a toda a cidadanía". Así se extrae das cifras que suma nesta nova temporada e que, indicou, son "froito do traballo que vén desenvolvendo con firmeza nestes últimos anos como parte fundamental da estrutura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e, por suposto, da política cultural da Xunta de Galicia".

En concreto, López Campos explicou que son 14 as novas producións escénicas nas que o Centro Dramático Galego está implicado ao longo deste curso, ben cos seus equipos propios, ben en colaboración con compañías galegas e con outras estruturas teatrais de fóra de Galicia. "En concreto, de Portugal, país co que coproducimos seis destes espectáculos e que reafirma os nosos vínculos coa lusofonía", salientou.

Contratacións artísticas e funcións
Esta actividade tradúcese en máis de 70 contratacións de actores e actrices, das que 30 corresponden ás tres producións propias (A serie clopen, que se estrea o vindeiro día 11, Memorias dun neno labrego e Hamlet), así como doutros máis de 100 artistas como parte dos diferentes equipos de creación. Ademais, o Centro Dramático Galego acollerá unhas 120 funcións no Salón Teatro e promoverá máis de 150 en xira por diferentes escenarios dentro e fóra de Galicia.

O conselleiro estivo acompañado no escenario polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, e polos representantes de varios dos proxectos que conforman esta temporada: Paula Carballeira, autora e directora de Somos monstros e dramaturga de Berenguela na gaiola, e Santiago Cortegoso, autor de A furia da amanita, proposta coa que gañou a terceira edición da Bolsa de Dramaturxia da compañía pública. Participou, así mesmo, Alicia Padín, en representación do equipo de Normalización Lingüística do Concello de Ribeira, quen abordou as diferentes liñas de colaboración cos concellos galegos, como a campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, as xiras de verán ou as residencias artísticas.

Programa plural e vivo
En palabras de López Campos, nesta temporada 2025-2026 o Centro Dramático Galego ofrece "un programa plural e vivo, que aposta polo talento galego e impulsa a nova creación galega, ao tempo que non se esquece da tradición".

Pola súa banda, o director do Centro Dramático Galego foi o encargado de detallar os espectáculos que lle dan forma á temporada mesturando linguaxes e xeracións, ao tempo que combinando risco, humor, poesía e pensamento. Así, ademais de A serie clopen, Memorias dun neno labrego e Hamlet como producións propias, a compañía da Xunta coproduce Heroes en decembro con Ancoraxe e Vórtice Escénico; Berengela na gaiola con Galeatro e Xarope Tulú; Territorio regueifa con Ainé e o FIOT de Carballo; Jose Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983 co Teatro Municipal do Porto, Teatro Experimental do Porto, Culturgest e Cine-Teatro Louletano; A furia da amanita con Redrum Teatro; A fortaleza con A Feroz e FITEI do Porto; Somos monstros con Berrobambán, Terra Amarela e Comedias do Minho; Black Box con Hugo Torres, Cidade da Cultura de Galicia, FITEI e Trigo Limpo/ACERT; Os pasadores con Rota Clandestina, Pirilampo e Associação Cultural Prado; Ensaio técnico con Teatro Oficina de Guimarães, Colectivo84 e ESAD de Galicia dentro do CDGLab, e o espectáculo resultante do Xuventude Crea Teatro Pro, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude.

Abordou igualmente outros dos eixos nos que continúa a traballar a compañía institucional, como a accesibilidade, a descentralización cultural, a internacionalización, o apoio á creación e á dramaturxia, a sustentabilidade, a formación ou o servizo educativo e de mediación, entre outros.

O conselleiro pechou esta presentación convidando ao público a gozar desta ampla programación a través da que o Centro Dramático Galego "continúa abríndose ao mundo desde o local e que busca conectar con toda a profesión e con toda a cidadanía", concluíu.

Documentación