Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A FUNDACIÓN TORRENTE BALLESTER SERÁ A SEDE OPERATIVA DO EVENTO

Santiago de Compostela acolle a XV Feira Galega das Artes Escénicas do 23 ao 27 de outubro

[15/05/2007] Santiago de Compostela acollerá entre os días 23 e 27 de outubro a edición décimo quinta da Feira Galega das Artes Escénicas, na que se darán cita na capital de Galiza máis dun centenar de axentes culturais que terán a oportunidade de asistir como espectadores a unha ampla selección de espectáculos de produción galega. A programación intensiva durante cinco xornadas consecutivas de espectáculos de teatro e danza nos principais escenarios da cidade combinarase coa celebración de actividades complementarias para o fomento do encontro entre todos os profesionais do sector.

A Feira Galega das Artes Escénicas 2007 presenta importantes novidades, como son o traslado ao outono das súas datas de celebración, a fin de optimizar a súa incidencia no ciclo temporal de estrea e distribución das compañías, así como no de planificación e contratación por parte de programadores asistentes. A Fundación Gonzalo Torrente Ballester será a sede operativa e de recepción de participantes, o que suporá dispoñer dun espazo de referencia en pleno casco histórico compostelán, onde se levará a cabo tamén a serie de presentación de proxectos que forma parte das actividades paralelas ao cartel artístico.

Outra das iniciativas que se porán en marcha este ano é a política de bonificacións coa que se primará o peche efectivo de contratacións durante os días de Feira. Así, os programadores e demais representantes de teatros de fóra de Galiza que asistan ao evento poden beneficiarse dunhas condicións de compra de espectáculos moi vantaxosas, con descontos que van desde o 30% ao límite máximo do 55%, de acordo coas condicións estipuladas. O prazo de solicitude de bonificación vai do 22 ao 31 de outubro e pode ser bonificado calquera espectáculo de teatro, danza ou maxia producido polas compañías galegas e en exhibición na Rede Galega de Teatros e Auditorios, sempre que a súa representación se produza entre o 1 de xaneiro e o 15 de xuño de 2008.

Entre os obxectivos concretos deste novo modelo de Feira atópase a súa conversión nun espazo de referencia transparente, dinámico e eficiente para a compravenda de espectáculos de artes escénicas en Galiza, cunha especial ligazón co mercado da Rede Galega de Teatros e Auditorios, de xeito que funcione como punto de exhibición dos espectáculos producidos durante o exercicio actual e de contratación para a programación do seguinte. Tamén aspira a servir como elemento de promoción e difusión social das artes escénicas no conxunto da cidadanía e a posicionarse progresivamente, dentro do conxunto das feiras do Estado, como cita de referencia na exhibición e compravenda de espectáculos de artes escénicas da área da lusofonía.