Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CLÁSICAS DESFEITAS

Cultura estrea no Gaiás unha revisión teatral da traxedia clásica de Medea que xoga con elementos interactivos e do ‘True Crime’

[28/02/2025] A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa dentro do ciclo Clásicas desfeitas a estrea de 'Medea-Mamá-Monstro', unha nova creación teatral de Laura Porto e Helena Varela que interpela ao público para intentar dilucidar quen foi realmente Medea, a muller arquetipo da vinganza que retratou Eurípides na súa traxedia clásica. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director do Centro Dramático Galego, Francisco Núñez, asistiron hoxe á primeira representación da obra, que esgotou entradas para as dúas funcións programadas esta fin de semana na Cidade da Cultura.

Medea

Medea-Mamá-Monstro é unha obra itinerante na que a audiencia ten un papel fundamental, xa que debe buscar pistas, atender os testemuños de veciñas e familiares de Medea, e finalmente decidir se é culpable dos crimes que se lle atribúen: o asasinato de dous dos seus fillos como vinganza pola traizón e abandono do seu ex-marido Xasón. Laura Porto e Helena Varela incorporan na peza elementos do true crime e xogan coa robótica para facer reflexionar sobre o amor, a lealdade, a dor e o patriarcado. A obra conforma o volume XIII das Clásicas desfeitas, ciclo iniciativa do Centro Dramático Galego e da Cidade da Cultura que reformula en escena obras fundamentais da literatura desde unha óptica contemporánea.