Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ENTRADAS ESGOTADAS

O ciclo ‘Clásicas desfeitas’ estrea na Cidade da Cultura unha revisión en clave de humor do Ricardo III de Shakespeare

[20/02/2025] A Xunta de Galicia promove a estrea este venres de Mala vida e pior morte do rei Ricardo III, unha peza teatral que confronta con humor o cruel retrato da traxedia de Shakespeare protagonizada polo monarca inglés. O espectáculo, que esgotou entradas para esta fin de semana, compón o volume XII das Clásicas desfeitas, o ciclo impulsado polo Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura que revisa obras fundamentais da literatura desde unha óptica contemporánea.

Mala vida e pior morte de Ricardo III

O actor e dramaturgo Evaristo Calvo, co-fundador do dúo cómico Mofa e Befa, pon a coroa nesta nova creación escénica para encarnar un Ricardo III que defende non ter sido nin tan malvado nin tan asasino como o quixeron facer ver Shakespeare e algúns historiadores da época. O escenario elixido para a súa representación, os días 21 e 22 de febreiro con funcións ás 18,00 e ás 20,00 horas, será a baixo-cuberta do edificio da Biblioteca de Galicia.

A directora e creadora Alessandra García —premio Max das artes escénicas e premio El Ojo Crítico de Teatro de RNE en 2022— e o director, actor e improvisador Antón Coucheiro estiveron a traballar xunto a Evaristo Calvo na dirección escénica de Mala vida e pior morte do rei Ricardo III durante a súa residencia artística no Gaiás. Canda eles participaron tamén no desenvolvemento da obra, a directora Ana Vallés como asesora de dramaturxia e movemento, a profesora e investigadora da USC, Cristina Mourón Figueroa, como consultora no apartado histórico, e a poeta e escritora María Lado, no apartado de dramaturxia.

Clásicas desfeitas remata na última fin de semana de febreiro co volume XIII, titulado Medea-Mamá-Monstro. Nesta innovadora experiencia escénica, que combina o falso documental co ‘freak show’ e a robótica, Helena Varela e Laura Porto recompoñen unha figura máis complexa e máis humana do arquetipo da vinganza feminina que escribiu Eurípides.