Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A CARTELEIRA COMPORASE MEDIANTE A APLICACIÓN TANTO DE CRITERIOS OBXECTIVOS COMO ARTÍSTICOS

Máis de corenta espectáculos galegos optan á súa exhibición na Feira das Artes Escénicas

[30/06/2007] Máis de corenta compañías de teatro e danza galegas presentaron os seus últimos espectáculos para compoñer a carteleira de exhibición da XV Feira Galega das Artes Escénicas, que se celebrará en Santiago de Compostela do 23 ao 27 de outubro de 2007 organizada polo IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais). Entre todas estas propostas levarase a cabo o proceso de selección de producións participantes, no que se aplicarán tanto criterios obxectivos como de valoración artística.

Está previsto que a representación galega na programación da Feira ascenda a máis de 20 espectáculos, sumando os de teatro de actor, de títeres e de danza. A única condición previa é que se trate de montaxes estreadas a partir do 15 de outubro de 2006. Mediante a aplicación dos criterios obxectivos quedarán automaticamente seleccionadas as oito compañías de teatro de actor, dúas compañías de teatro de títeres e dúas compañías de danza con maior distribución na Rede Galega de Teatros e Auditorios durante o primeiro semestre de 2007, así como as dúas compañías de nova creación con maior puntuación na convocatoria de axudas do IGAEM á actividade escénica. A valoración artística propiciará a inclusión de entre sete e oito espectáculos máis.

A Feira Galega das Artes Escénicas tamén está aberta ás compañías non galegas, para as que se reservan 6 prazas. As creacións de fóra de Galiza poderán participar no evento mediante convocatoria pública e selección por criterios artísticos.

Canto aos programadores, agárdase a presenza de máis de 100, tanto galegos (60 prazas), como procedentes de entidades e institucións doutras Comunidades autónomas e de Portugal. A inscrición deberán formalizala entre o 10 e o 30 de setembro de 2007, a través da páxina web www.feiradasartesescenicas.com.