Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AS FUNCIÓNS SERÁN OS DÍAS 23 E 24 DE FEBREIRO

Antón Reixa e Antela Cid levan a traxedia grega ao Gaiás para falar do medo ao éxito e a igualdade

[14/02/2024] Un díptico teatral de Antón Reixa e Antela Cid recupera as vidas das personaxes esquecidas pola literatura dramática clásica para facelas protagonistas dos volumes X e XI das Clásicas Desfeitas. Baixo o título Míticas pero secundarias, este espectáculo duplo pechará os días 23 e 24 de febreiro unha nova edición do ciclo escénico promovido pola Xunta de Galicia dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás.

Míticas pero secundarias

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, visitaron esta mañá os ensaios da obra no Edificio Fontán. Antón Reixa e Antela Cid traballan como autores, directores e intérpretes totais en cadansúa parte deste espectáculo, que producen Carlos M. Carbonell a través de Crémilo. Proyectos Culturales y Distribución de Espectáculos xunto coa Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego.

Polícrates e o carácter galego
O gobernador absoluto da illa de Samos, Polícrates, é a fonte de inspiración para A infeliz felicidade e o prezo do aceite, primeira parte da representación teatral na que Antón Reixa propón unha sátira que relaciona o mito grego con Rosalía de Castro e, por extensión, coa idiosincrasia galega. O autor fai un pinchacarneiro histórico cargado de ironía no que colaboran, no rol de expertos, o dramaturgo Quico Cadaval, a poeta Chus Pato e o propio presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira.

Polícrates foi un triunfador insatisfeito que deu nome a un complexo descrito pola psicanálise, igual ca Edipo, mais a diferenza deste non logrou figurar nas cabeceiras da traxedia clásica. O complexo de Polícrates relaciónase coa incapacidade de gozar da felicidade por medo a que esta desapareza. Unha anguria que se ten aplicado tamén a Rosalía de Castro desde a crítica literaria para explicar a melancolía dos seus versos, e que ben podería, segundo Reixa, ser en realidade unha sorte de sabedoría crítica ou preventiva propia dos galegos.

Apostar pola vida fronte á violencia
Na segunda parte do espectáculo, titulada Tres somos ti, Antela Cid encarna a tres mulleres silenciadas na literatura dramática clásica. Ismene, Crisótemis e Políxena comparten un mesmo perfil, o de irmás (Ismene de Antígona, Crisótemis de Electra e Políxena de Paris), e tamén un desexo: o de sobrevivir nun contexto bélico creado e sostido polos intereses dos homes.

Acusadas de covardes e sometidas, para Antela Cid estas tres mulleres son en realidade un exemplo de fortaleza, ao elixir a vida e o amor por enriba da violencia e o poder. A actriz encarnará a todas elas nunha peza na que a iluminación, deseñada pola escenógrafa Violeta Martínez, terá un peso moi importante na creación dunha atmosfera envolvente nun espazo, polo demais, limpo de elementos.

Colaboran tamén na proposta a poeta Silvia Penas, que asume o deseño do vestiario, o músico Carlos Segovia, que fixo os arranxos de piano das cancións que cantará Antela Cid en escena, e a artesá Elvira Valle, a quen se lle encargou a elaboración dunha peza de cerámica exclusiva para esta representación.

As funcións de Míticas pero secundarias serán os días 23 e 24 de febreiro ás 20,30 horas no Edificio Fontán e as entradas poden adquirirse —a partir de 9 euros—en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.