Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

MAÑÁ 4 DE MAIO, NA CIDADE DA CULTURA DE GALICIA

O festival Escenas do Cambio acolle a estrea de 'Afectos', de Kirenia Danza en coprodución co Centro Coreográfico

[03/05/2023] O festival de danza, teatro e arte en acción Escenas do cambio —promovido pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura— comeza mañá xoves 4 de maio tres xornadas dedicadas ás artes escénicas de vangarda. A obra itinerante Aquí mentres camiñamos, do brasileiro Gustavo Ciríaco e a austríaca Andrea Sonnberger, será a encargada de inaugurar esta novena edición, cunha orixinal proposta na que público e artistas compartirán unha experiencia de descubrimento polas rúas de Santiago de Compostela.

Afectos

Unidos por unha cinta branca, xuntos percorrerán as rúas de Santiago de Compostela nun camiño secreto que convida a observar o espazo urbano con outros ollos, ao modo dos flanêurs do século XIX. Logo do seu paso por importantes festivais e cidades como Nova York, Taipei, París, Londres, Porto, Praga ou São Paulo, entre outras moitas, Aquí mentres camiñamos chega á capital galega con cinco pases no marco do festival.

Do xoves 4 ao sábado 6 de maio, Escenas do Cambio programa un total de dez creacións contemporáneas de danza, teatro, performance, música e poesía escénica nas que as transformacións e conflitos sociais do noso presente teñen un papel protagonista. As persoas migrantes e os seus dereitos —Afectos, de Kirenia Danza—; a construción dunha nova Europa máis porosa e amable cos estraños —Fráxil. Handle with care, de Matarile—; o amor en todas as súas formas —One night at the golden bar, de Alberto Cortés—, ou a denuncia da mercantilización da morte —Aquellas que no deben morir, de Las Huecas— son algúns dos temas que compañías e artistas porán sobre o escenario.

Estreas galegas
Entre as cinco estreas do festival, destacan as últimas creacións de Kirenia Danza (Afectos) e Matarile (Fráxil. Handle with care), que contaron co apoio do Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego para o seu desenvolvemento. A primeira estréase mañá ás 20,30 horas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, mentres a nova peza dirixida por Ana Vallés terá o seu primeiro pase no Salón Teatro o venres 5 de maio ás 21,30 horas.

As outras obras inéditas desta edición son Poco (o alguien dirá que nos equivocamos), do coñecido dramaturgo canario Roberto García de Mesa; a peza colectiva Poescénicas, que crean e protagonizan cinco poetas galegas actuais (Yolanda Castaño, Silvia Penas, Xiana Arias, Nuria Vil e Nieves Neira) e o debut musical da formación SONS-NÚS/CatroNubes, coa súa mestura experimental de jazz, arte visual e poesía, que pechará Escenas do cambio o sábado ás 21,30 horas no Gaiás.

Completan o programa Háblame, cuerpo, de Nazario Díaz, e Washington, do artista galego Matías Daporta, un xogo de espellos e realidades que recrea o casting da película que Lars von Trier nunca chegou a rodar logo de Dogville e Manderlay.

Toda a información da programación de Escenas do cambio está dispoñible na web da Cidade da Cultura e tamén na do festival —www.escenasdocambio.org—. As entradas poden adquirirse no Museo Centro Gaiás e en Ataquilla.com.

O festival da Xunta conta coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música - INAEM, o Concello de Santiago, o Instituto Camões, a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego.

Na imaxe, un momento do espectáculo 'Afectos'. Fotografía: Manuel G. Vicente

Ligazóns