Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OFÉRTANSE 15 PRAZAS

O IGAEM selecciona bailaríns e bailarinas para a temporada escénica de 2006

[09/05/2006] O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais -IGAEM- da Consellería de Cultura e Deporte vén de convocar audicións destinadas á cobertura dun total de 15 prazas de bailaríns e bailarinas de corpo de baile para a actual temporada escénica de 2006, segundo se recolle nunha resolución que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia -DOG-. O desenvolvemento das probas terá lugar o próximo 15 de xuño no complexo deportivo de Elviña na Coruña

O texto da convocatoria establece todos os requisitos legais que han de reunir os aspirantes, así como a titulación solicitada, que se fixa na posesión do título de grao medio das ensinanzas de danza, en calquera das súas especialidades, ou equivalente.

Os seleccionados poderán formalizar un contrato de traballo sometido á lexislación que regula a relación laboral especial dos artistas en espectáculos públicos, coa obriga de participar no programa de ensaios e actuacións que se dispoña no calendario de actividades do IGAEM. A súa remuneración será de 15.000 euros brutos anuais de salario corrido.

Os interesados en participar nestas audicións deberán presentar previamente no IGAEM as súas instancias ata o día 22 de maio. Os que cumpran todos os requisitos esixidos –o que se fará público por medio dunha listaxe de admitidos e excluídos- haberán de comparecer o próximo 15 de xuño, ás 9:30 horas, nas instalacións do complexo deportivo de Elviña na Coruña, lugar no que se realizarán as audicións.

Probas en dúas fases

O proceso selectivo, que será polo sistema de audición de todos os admitidos documentalmente, consistirá en dúas fases. Na primeira, de carácter eliminatorio, os aspirantes seguerán de xeito conxunto unha clase práctica cunha duración máxima dunha hora, tempo no que realizarán distintos exercizos de barra e de centro.

Os que superen esta primeira fase pasarán á interpretación ante o Comité de Audición, xa individualmente, dunha ou varias obras coreográficas de entre o total de tres dos distintos estilos -clásico, contemporáneo e tradicional- que previamente haberán de presentar. Esta execución individual non excederá dos 20 minutos e será cualificada cunha puntuación do 0 ao 10.