Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

'ÁS OITO DA TARDE, CANDO MORREN AS NAIS' E 'RECORTES, CANEOS E OUTRAS FORMAS DE DRIBLAR' COEDÍTANSE ENTRE A XUNTA E EDICIÓNS POSITIVAS

O Centro Dramático Galego amplía a súa colección editorial 'O papel do teatro' cos libros dos seus últimos dous espectáculos

[26/12/2022] As adaptacións dramáticas dos últimos dous espectáculos do Centro Dramático Galego, 'Ás oito da tarde, cando morren as nais' e de 'Recortes, caneos e outras formas de driblar', incorpóranse á colección editorial 'O papel do teatro', que chega así aos once libros publicados en réxime de coedición entre a Xunta de Galicia e Edicións Positivas.

Portada de 'Ás oito da tarde, cando morren as nais'

Os novos títulos seguen o formato de peto dos números anteriores, con fotografías a cor das postas en escena, artigos de presentación, fichas artísticas e os textos finais sobre os que se construíron as montaxes. Así, 'Ás oito da tarde, cando morren as nais', recolle a dramaturxia asinada por Marta Pazos a partir do texto orixinal do que é autora AveLIna Pérez, unha peza que obtivera o Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta en 2018. No caso de 'Recortes, caneos e outras formas de driblar', publícase a dramaturxia realizada por Xosé L. Prieto sobre unha obra aínda inédita de Nacho Carretero.

O obxectivo da colección 'O papel do teatro' é dotar de maior permanencia a estas obras, que se poñen así a disposición do público lector para aumentar o ciclo de difusión do proxecto escénico e, ao tempo, incrementar o catálogo de pezas dramáticas escritas en galego. Os dous volumes poden obterse a través da compra en liña na Libraría Institucional da Xunta de Galicia e estarán tamén nos andeis dos principais establecementos galegos de venda.

Con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, 'Ás oito da tarde, cando morren as nais' estreouse en abril deste ano e realizou ata o pasado xuño 33 funcións, entre as programadas no salón Teatro de Santiago de Compostela e nos escenarios da xira que chegou a Cee, Cedeira Catoira e A Estrada, ademais de ás localidades portuguesas de Coímbra e Beja. Cun elenco composto por Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado, a obra sitúa o público como elemento central e analiza de xeito crítico e irónico a relación entre o teatro e a súa recepción.

Pola súa banda, 'Recortes, caneos e outras formas de driblar' é unha produción do Centro Dramático Galego e a compañía Ainé que recrea con música e humor un de tantos partidos de fútbol a través do comportamento de xogadores, adestradores, xornalistas, directivos, árbitros, seareiros e demais personaxes principais, secundarios ou figurantes que conforman o denominado deporte rei. Interpretada por Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta, o espectáculo representouse do 29 de setembro ao 25 de outubro no Salón Teatro e continúa nestes momentos a súa distribución por Galicia, con próximas funcións en Burela (7 de xaneiro), Lugo (14 de xaneiro), Vilagarcía (21 de xaneiro) e A Coruña (27 e 28 de xaneiro), despois de ter pasado xa por Carballo, Ourense, Vigo, Narón, Pontevedra e Cangas.

Ligazóns