Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESCENARIO DA UNIDADE DE PRODUCIÓN TEATRAL DA XUNTA ACOLLERÁ TRES FUNCIÓNS DE ACCESO GRATUÍTO ENTRE O XOVES 7 E O SÁBADO 9

O Salón Teatro recibe 'Tartufo', coprodución do Centro Dramático Galego con compañías e centros de ensino de Portugal, Francia e Galicia

[05/07/2022] O Salón Teatro recibe esta fin de semana o espectáculo Tartufo, adaptación do texto clásico de Molìere co que o Centro Dramático Galego, unidade de produción teatral da Xunta, participa neste 2022 no regreso do Proxecto NÓS/NOUS. Esta iniciativa, de natureza internacional ao implicar institucións de Francia, Portugal e Galicia, é un espazo de creación escénica e de intercambio entre catro compañías públicas e outros tantos centros de ensino que ten como obxectivo promover tanto a profesionalización como a internacionalización de estudantes no treito final do seu período académico, ao poñelos en contacto con figuras consolidadas do sector teatral.

Equipo 'Tartufo', Proxecto NOS

O Salón Teatro recibe esta fin de semana o espectáculo Tartufo, adaptación do texto clásico de Molìere co que o Centro Dramático Galego, unidade de produción teatral da Xunta, participa neste 2022 no regreso do Proxecto NÓS/NOUS. Esta iniciativa, de natureza internacional ao implicar institucións de Francia, Portugal e Galicia, é un espazo de creación escénica e de intercambio entre catro compañías públicas e outros tantos centros de ensino que ten como obxectivo promover tanto a profesionalización como a internacionalización de estudantes no treito final do seu período académico, ao poñelos en contacto con figuras consolidadas do sector teatral.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades participa neste proxecto internacional, que conta co financiamento do programa europeo Erasmus+K2, a través da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e do Centro Dramático Galego. A sede da unidade teatral da Xunta será a terceira parada da xira de Tartufo, tras o seu paso polo Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto, e acollerá tres funcións da peza dirixida polo portugués Tónan Quito do xoves 7 ao sábado 9 de xullo, ás 20,30 h. O acceso será gratuíto, previa retirada de entradas no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes de cada función.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu esta mañá o equipo artístico do Tartufo no propio Salón Teatro, onde xa comezou a montaxe da escenografía para que se poidan desenvolver os últimos ensaios. Sutil, que estivo acompañado no encontro polo director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, e polo xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Xavier Castiñeira, interesouse polos detalles da adaptación e conversou co elenco, conformado por Bernardo Santo Tirso, Carlos Correia, Carolina Parreira, Haïthouni Hamada, João Maria Fialho, Romane Buunk, Marcos Fernández e Yaiza Portela. Estes dous últimos intérpretes constitúen a representación galega da montaxe xunto a María Torres Piñeiro, corresponsable de escenografía, e Diego Chamizo Mora, asistente da dirección.

Terceira montaxe baixo NÓS/NOUS
Tartufo será o terceiro espectáculo coproducido pola Xunta de Galicia baixo o abeiro internacional do Proxecto NÓS/NOUS tras a peza Bilingüe, dirixida por Pedro Penim, e a obra O mundo persistente, escrita por Fernando Epelde e dirixida por Tito Asorey.

Nesta ocasión, escolleuse o texto clásico de Molière, cuxa posta en escena ao longo da súa xira se desenvolve en tres linguas: francés, portugués e galego. A obra, nas funcións en Galicia, representarase co texto orixinal en francés e en verso rimado, con subtítulos da tradución ao galego e en prosa de Loli Ramos Duarte. Con esta fusión de idiomas, o espectáculo revisita a célebre historia de Orgón, pai dunha familia da alta sociedade, que se deixa influenciar por un estraño e falso devoto de nome Tartufo e os enfrontamentos que estoupan no seo do seu fogar acomodado por mor da manipulación, da cobiza e mais da hipocrisía.

A montaxe, tras o seu paso polo Salón Teatro, despedirá a súa xira no escenario de Les Célestins-Théâtre de Lyon, institución francesa que tamén participa na produción da peza xunto ao Centro Dramático Galego, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia o Teatro Nacional D. María II de Lisboa, o Teatro Nacional São João do Porto, a Escola Superior de Teatro e Cinema do Politécnico de Lisboa, a Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto e a École Nationale Supérieure des Arts et Techniques du Théâtre de Lyon.