Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTARÁ NO SALÓN TEATRO DURANTE DÚAS SEMANAS A PARTIR DE MAÑÁ

A Xunta celebra o centenario de María Casares cunha coprodución do Centro Dramático Galego e Ainé

[18/05/2022] O espectáculo sobre María Casares 'Continente María', coproducido polo Centro Dramático Galego, Ainé Producións, A Quinta do Cuadrante e o Concello da Coruña, chega mañá xoves ao Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde se ofrecerán oito funcións ao longo de dúas semanas. Anunciouno hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nunha rolda de prensa que contou coa participación do produtor da peza, Xosé A. Touriñán; o director, Tito Asorey, e a actriz Melania Cruz, como elenco, ademais da do director da unidade teatral da Xunta, Fran Núñez.

Rolda Continente Maria

Con Laura Iturralde como responsable da iluminación, José Faro Coti da escenografía e Jairo Iglesias do vídeo, 'Continente María' mestura teatro, poesía, música en directo (a cargo do o músico Vadim Yukhnevich) e traballo audiovisual para achegarlle María Casares ao público dun xeito artístico. O espectáculo é un canto ao teatro e á vida a través do diálogo coa extraordinaria figura da artista. Presenta a actriz como o mapa dun continente a percorrer gozando dos detalles da súa paisaxe, chea de vitalidade e ganas de vivir todo o que a realidade e a poesía poden ofrecer.

Descubrir a María Casares desde do teatro
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou que a iniciativa xorde da necesidade de "divulgar a importancia desta figura desde o espazo escénico, o contexto no que se fixo universal". "Na programación da Xunta co gallo do centenario do nacemento da actriz non podía faltar unha proposta creada desde o ámbito teatral, como esta peza que estreamos o luns na Coruña no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios e traemos agora a Compostela", engadiu.

Segundo apuntou Anxo M. Lorenzo, trátase dunha iniciativa que se suma ás diferentes propostas expositivas, editoriais e audiovisuais impulsadas polo Goberno galego en colaboración con diversas institucións, como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, e que se estenderá máis aló do territorio galego, con accións en Madrid e París. Nesta liña, lembrou que a cidade de Santiago acolle na rúa Xoán XXIII ata finais deste mes unha exposición itinerante que afonda sobre as diferentes facetas de María Casares e en aspectos menos coñecidos da súa traxectoria.

Funcións de xoves a domingo
As funcións previstas no Salón Teatro terán lugar a partir de mañá e ata o 29 de maio, con sesións de xoves a sábado, ás 20,00 horas, e os domingos, ás 18,00 horas. As entradas están xa á venda na web ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada sesión. O prezo é de 10 euros de xoves a sábado, con descontos para diferentes colectivos, e de 6 euros os domingos, día do espectador.

'Continente María' é a quinta coprodución estreada polo Centro Dramático Galego no que vai de ano. Súmase así a 'Come and go', de Helena Salgueiro; 'O Péndulo', de Inversa Teatro; 'Rastros', de Condetrespés, e os novos volumes de 'Clásicas desfeitas', en coprodución coa Cidade da Cultura de Galicia e a cargo das compañías Galeatro e Moving Compass. A programación de coproducións neste primeiro semestre péchase o 28 de maio con 'Asemblea xeral', de Sarabela Teatro, cuxa función inaugural terá lugar no Barco de Valdeorras. Co impulso a estes proxectos búscase dinamizar a actividade escénica e a creación de audiencia en todo o territorio, así como reforzar a colaboración pública e privada no eido teatral.