Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CREADA A PARTIR DA DRAMATURXIA DE AVELINA PÉREZ E QUE SE ESTREARÁ EN ABRIL NO SALÓN TEATRO

O Centro Dramático Galego arranca os ensaios de 'Ás oito da tarde, cando morren as nais' baixo a dirección de Marta Pazos

[23/11/2021] O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta, comezou a primeira fase dos ensaios do seu novo espectáculo de produción propia, 'Ás oito da tarde, cando morren as nais', baixo a dirección de Marta Pazos. Así, o equipo artístico e de interpretación traballa xa na posta en escena da peza creada a partir da dramaturxia de AveLina Pérez galardoada co Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2018, cara á súa estrea en abril de 2022 no Salón Teatro de Santiago de Comnpostela.

Ensaios Marta Pazos

Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Esperante, Davide González, Alba Loureiro, María Llanderas e Toni Salgado forman o elenco desta montaxe, coa que a directora pontevedresa volve á compañía pública galega despois de ter dirixido en 2017 Martes de Carnaval e nun momento no que está a colleitar un gran éxito en distintas entidades e estruturas teatrais do resto do Estado.

'Ás oito da tarde, cando morren as nais' é unha comedia sobre a relación entre quen está en escena e o público, un xogo metateatral no que a audiencia é o centro e un canto coral sustentado no absoluto baleiro. O teatro, lugar de encontro, cédelle o seu espazo ao espectáculo da estupidez, nun xogo escénico cunha concepción aberta do espazo e cunha mirada irónica sobre a relación entre o teatro e a súa recepción.

Ademais deste espectáculo, o CDG producirá para a nova temporada 'A peste', unha adaptación teatral da obra de Albert Camus dirixida por Cándido Pazó e cuxos ensaios comezarán no Salón Teatro nos vindeiros días. Neste caso, a estrea será en xaneiro.

Pluralidade na escena
As dúas producións enmárcanse na aposta do CDG pola dramaturxia galega contemporánea e polos clásicos, en liña coas xa realizadas este ano: a adaptación dun clásico, como é 'O charco de Ulises' (actualmente en xira) e de dramaturxia galega contemporánea, con 'Terceiro acto' e 'Serva me, servabo te'. O obxectivo é garantir a pluralidade na escena.